O secretario xeral da Emigración informou no Club Español á colectividade galega do nordeste brasileiro sobre a Estratexia Galicia Retorna e as oportunidades que ofrece Galicia ás persoas residentes no exterior interesadas en retornar

Explicou as liñas de axudas ao emprendemento retornado coas que preto de 50 persoas procedentes do Brasil iniciaron desde 2018 un negocio en Galicia, e das bolsas BEME, coas que máis de 150 mozos deste país cursaron un mestrado na Comunidade

Antonio Rodríguez Miranda tamén visitou a Cidade Deportiva Santiago Apóstol do Galicia Esporte Club, onde foi recibido polo seu presidente, José Manuel Muíños, e onde destacou o vínculo desta entidade coa colectividade galega

Así mesmo, participou nun encontro coa colectividade no Centro Recreativo União do Rio do Tea, onde puxo en valor esta entidade fundada en 1974 por emigrantes de Ponteareas e Castro Caldelas

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, informou en Salvador de Bahía sobre as oportunidades que ofrece Galicia aos residentes no exterior interesados en retornar. Ao encontro, celebrado no Club Español, asistiron numerosas persoas da colectividade galega do nordeste brasileiro, que puideron coñecer de primeira man os programas de apoio da Xunta.

Alí, Miranda explicou —entre outras achegas— o funcionamento das liñas de axudas ao emprendemento, que permiten poñer en marcha un proxecto empresarial en Galicia con ata 10.000 euros de apoio. Preto de 50 persoas procedentes do Brasil iniciaron desde 2018 un negocio en Galicia grazas a estas axudas e un importe total concedido de máis de 250.000 euros. O secretario xeral tamén se referiu ás bolsas BEME, destinadas á mocidade galega no exterior que desexa continuar a súa formación universitaria en Galicia. Neste caso, máis de 150 mozos procedentes do Brasil cursaron un mestrado en Galicia nos últimos oito anos, con axudas individuais de ata 12.500 euros.

Tamén presentou o programa Retorna Cualifica Emprego, que vincula directamente as persoas retornadas coas empresas galegas permitíndolles volver á súa terra cun contrato de traballo xa asinado, grazas á colaboración coa rede empresarial galega e coas oficinas de asesoramento ao retorno. O responsable autonómico salientou que “Galicia está a abrir as súas portas a quen quere volver e contribuír ao seu desenvolvemento. Queremos que cada galego e galega do exterior saiba que ten detrás un goberno que o apoia desde o primeiro paso”.

A actividade enmárcase no esforzo da Xunta por difundir en todo o territorio brasileiro as medidas da Estratexia Galicia Retorna, dotada con 450 millóns de euros e que prevé facilitar o regreso de 30.000 persoas ata 2026.

Peche da visita ao Brasil

Ademais, o secretario xeral da Emigración visitou en Salvador de Baía a Cidade Deportiva Santiago Apóstol do Galicia Esporte Club, onde foi recibido polo seu presidente, José Manuel Muíños Cabalar. Durante o encontro, Miranda destacou o profundo vínculo histórico desta entidade coa colectividade galega e a súa contribución ao fortalecemento da cultura de Galicia no Brasil, país que acolle unha das comunidades galegas máis numerosas de América Latina.

Neste sentido, salientou que “o Galicia Esporte Clube é moito máis ca un club deportivo: é un símbolo da nosa emigración e un espazo onde, desde hai case un século, se manteñen vivas a amizade, o orgullo e as raíces galegas”. Así mesmo, agradeceu o labor da súa directiva e socios a prol da difusión da cultura galega entre as novas xeracións, moitas delas descendentes de galegos nados xa no Brasil.

Fundado o 1 de xaneiro de 1933 por emigrantes galegos, o Galicia Esporte Clube é un dos clubs máis tradicionais de Salvador e o primeiro tricampión baiano de fútbol. Hoxe segue a ser un referente para a comunidade galega no país, tanto no eido deportivo como cultural, e mantén unha estreita colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración para difundir os valores e a identidade de Galicia entre a mocidade.

Por último, Miranda participou nun encontro coa colectividade no Centro Recreativo União do Rio do Tea, situado no municipio de Lauro de Freitas, tras ser recibido polo seu presidente, Fabricio Pérez, socios e directivos. Alí, puxo en valor esta entidade fundada en 1974 por emigrantes de Ponteareas e Castro Caldelas e que continúa a ser —dixo— un referente sociocultural da galeguidade nesa contorna. Miranda reafirmou o apoio a este centro polo seu compromiso coa preservación da cultura galega e co mantemento dos vínculos culturais entre Galicia e O Brasil, sinalando que “o Rio Tea é un símbolo da amizade e da unión entre xeracións de galegos que, dende hai máis de cincuenta anos, manteñen viva a nosa cultura a milleiros de quilómetros da casa”.

 

Loading...