O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe en Pontevedra no acto de entrega destes galardóns, onde destacou que os Polos de emprendemento da provincia levan atendido arredor de 1.500 proxectos

De cara ao 2026, confirmou apoios como a orde única para autónomos por preto de 41 M€, que incrementa a dotación do Bono Remuda deica os 1,5 millóns e estende ata os 24 meses a cota cero para novas altas en actividades do sector primario

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta tarde no acto de entrega dos XXVII Premios Emprende organizados por AJE Pontevedra. Alí, tras ser un dos encargados de entregar o galardón á mellor iniciativa emprendedora, puxo de relevo o compromiso da Xunta de Galicia co emprendemento da man das novas xeracións cos obxectivos de seguir impulsando novas oportunidades profesionais e reter talento como vías clave para consolidar o tecido produtivo e a actividade económica na nosa Comunidade.

Nesa liña, o secretario xeral avogou por un emprendemento ligado ao territorio, potenciado con ferramentas como a Rede de polos que conta con 15 centros repartidos por todo o territorio galego. Unha Rede que, segundo explicou, leva atendido arredor de 1.500 proxectos na provincia de Pontevedra cos que se realizaron preto de 3.500 titorías —a través das oficinas de Silleda, Vilanova de Arousa e O Porriño— e que presta especial atención a negocios que precisan remuda.

Destacando o apoio inequívoco ao traballo por conta propia, Pablo Fernández confirmou medidas para 2026 como a unificación de preto de 41 millóns de euros en axudas para o colectivo autónomo, que incrementarán o orzamento do Bono Remuda deica os 1,5 M€ e estenderán a cota cero para novas altas ata os 24 meses para quen se inicie en calquera sector asociado á agricultura, á gandaría e á silvicultura.

Así mesmo, referiuse a outras iniciativas autonómicas como o proxecto Fixar, no que está implicado o coliving Anceu de Ponte Caldelas, co gallo de atraer nómades dixitais ao rural galego e fixar poboación.

 

Loading...