A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na apertura do Foro da prevención do risco psicosocial, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e apoiado pola Xunta. Fíxoo co relatorio Claves para a prevención do risco psicosocial. O papel e a visión do Issga, no que puxo en valor o Laboratorio de riscos psicosociais impulsado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) co gallo de aumentar o coñecemento deste tipo de riscos laborais e artellar medidas para previlos, así como outras actuacións no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 que ten en conta novos escenarios como a dixitalización, os riscos climáticos ou a transición demográfica.

A maiores, a xerente do Issga referiuse á participación en diversos grupos de traballo sobre riscos psicosociais e saúde mental e a publicacións sobre benestar laboral, sobre prevención de riscos psicosociais vinculados á dixitalización, centradas en sectores relacionados co coidado das persoas ou arredor de patoloxías non traumáticas e danos psicolóxicos. Tamén a campañas ou xornadas técnicas enfocadas no teletraballo ou na prevención do estrés.

Loading...