O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, xunto co secretario xeral de Universidades, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, participou na sesión ordinaria anual deste órgano creado polo Goberno galego en 2024
O seu obxectivo é coordinar todas as actividades vinculadas ao emprendemento e á orientación laboral na Comunidade, ademais de impulsar un enfoque innovador en materia de emprego
Pablo Fernández destacou que a Xunta continuará incentivando en 2026 o apoio ao emprendemento e ao autoemprego como motor de desenvolvemento territorial, reforzando o traballo do COE e o papel da Rede de polos
Lembrou tamén outras iniciativas como o próximo encontro que a Xunta celebrará os días 27 e 28 de novembro no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra, no marco do recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, xunto co secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta mañá na sesión ordinaria anual do Consello Social do Centro de Orientación ao Emprendemento (COE). Este órgano, creado pola Xunta en 2024, ten como obxectivo coordinar todas as actividades vinculadas ao emprendemento e á orientación laboral na comunidade, ademais de impulsar un enfoque innovador en materia de emprego. O COE tamén actúa como ponte entre as oficinas de emprego e a Rede de polos de emprendemento.
Durante a reunión, os integrantes do Consello Social fixeron balance das actividades realizadas no primeiro semestre de 2025, puxeron en valor a nova web do COE, o labor que se está desenvolvendo ao longo deste ano e avanzaron liñas de actuación para reforzar o impulso emprendedor en Galicia. Pablo Fernández destacou que a Xunta continuará incentivando en 2026 de maneira decidida as políticas de apoio ao emprendemento e ao autoemprego, reforzando o traballo do COE e o papel da Rede de polos, que conta actualmente con 15 oficinas distribuídas por todo o territorio galego e que xa permitiu atender máis de 5.100 proxectos empresariais.
O secretario xeral lembrou tamén outras iniciativas en materia de emprendemento como o próximo encontro que a Xunta de Galicia celebrará os días 27 e 28 de novembro no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra, no marco do recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025. Esta cita reunirá 60 referentes nacionais e internacionais, 30 empresas tractoras e 150 participantes do ecosistema emprendedor galego, nacional e internacional.