O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse esta semana en Ourense co alcalde do concello da Veiga, Juan Anta, para afondar na colaboración entre ambas administracións a prol da atracción de perfís laborais cualificados e da cobertura de vacantes, un ámbito no que o Goberno galego conta cunha forte batería de medidas que abarcan, por unha banda, a atracción de talento planificada do exterior e, por outra, a formación e retención de talento interno. No relativo ao plan de captación de talento exterior, que pon o foco nas persoas emigrantes retornadas e tamén inclúe medidas para traballadores de terceiros países, o conselleiro destacou o lanzamento no 2026 de axudas á rehabilitación de vivendas por valor de 1,5 M€, destinadas ás persoas contratadas no marco deste plan.
En canto ás medidas para a formación de talento ligada ao territorio, abordáronse accións como Aprol Rural, da que o concello da Veiga é un dos 96 concellos ourensáns beneficiados, sendo a provincia de Ourense a máis beneficiada. Esta iniciativa ten como fin contratar persoas desempregadas en tarefas relacionadas principalmente coa prevención de incendios forestais e reforzarase no 2026 coa suba da súa dotación en máis de 6 M€ ata acadar os 20M€ e coa novidade do lanzamento de apoios para a contratación de coordinadores municipais de prevención. A ela súmanse outras ferramentas destacadas na reunión, como os obradoiros de emprego, nos que se reforzará a formación práctica para favorecer a empregabilidade das persoas participantes e nos que a metade do importe se destinará á familia agraria.