O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe o estudIo de deseño e creación con pezas Lego impulsado polo enxeñeiro Pablo González, galego retornado desde Dinamarca que contou coa axuda do Goberno autonómico

Destacou que este ano se apoiarán máis de 30 proxectos de retornados á provincia de Ourense, case o 70 % no rural, así como o papel da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno de Ourense, que atendeu máis de 4.000 consultas

De cara ao 2026, Miranda salientou que os próximos orzamentos elevan ata os 1,2 millóns de euros as achegas destinadas a persoas retornadas para o fomento do autoemprego e da actividade emprendedora

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe en Ourense o estudio The Brick Art Lab impulsado polo enxeñeiro Pablo González, un galego retornado de 52 anos que, tras traballar durante oito anos na sede central do grupo Lego en Billund (Dinamarca), decidiu volver á súa terra para poñer en marcha un proxecto propio que combina arte, innovación e emprendemento creativo.

Miranda destacou que este emprendedor, primeiro Lego Certified Professional de España, regresou a Galicia en decembro de 2023 e puxo en marcha ao ano seguinte o seu propio estudio de deseño e construción con pezas Lego, grazas ao apoio da Xunta a través das axudas ao autoemprego de persoas retornadas, en concreto, cunha achega de 6.000 euros.

Durante a visita, o secretario xeral salientou que “a traxectoria de Pablo representa á perfección o espírito da Estratexia Galicia Retorna: o talento galego que, logo de triunfar no exterior, volve para innovar, crear emprego e xerar oportunidades aquí, na súa terra”. Engadiu que “proxectos como The Brick Art Lab demostran que o retorno tamén pode ser sinónimo de creatividade e de futuro”.

Para seguir dando oportunidades de establecerse por conta propia na nosa Comunidade, o representante autonómico sinalou que as achegas destinadas a persoas retornadas para o fomento do autoemprego e da actividade emprendedora non só se consolidarán nos orzamentos de 2026, senón que incrementarán o seu orzamento en 200.000 euros, ata os 1,2 M€.

Apoios na provincia de Ourense

Este 2025, a Secretaría Xeral da Emigración apoiará máis de 30 proxectos emprendedores na provincia de Ourense, cun investimento total de máis de 215.000 euros. En conxunto, a provincia ourensá recibiu preto de 900.000 euros de apoio ao retorno en 2025, converténdose nun dos territorios galegos con maior dinamismo emprendedor ligado á diáspora.

O secretario xeral lembrou tamén que desde 2018 a Xunta ten apoiado máis de 200 emprendedores retornados ourensáns, cun investimento acumulado que supera os 1,5 millóns de euros. Ao tempo, destacou o papel da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno de Ourense, que leva atendido máis de 4.000 consultas desde a súa apertura, así como o labor da Oficina Móbil, que visitou xa preto de 40 concellos ourensáns achegando información e acompañamento persoal.

Miranda concluíu destacando que “Galicia é unha terra que aposta polo retorno e polo talento, e exemplos coma o de Pablo González son a mellor mostra de que regresar é posible e rendible, tanto no económico coma no emocional”.

Loading...