A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, coñeceu esta mañá de primeira man a experiencia dun galego retornado contratado na empresa Fento Jardín SL da man desta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
O programa facilita o regreso de persoas galegas menores de 55 anos residentes no exterior, ofrecéndolles un posto de traballo estable mediante un contrato laboral e permite ás empresas acceder a man de obra cualificada
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, desprazouse esta mañá á empresa Fento Jardín SL para coñecer de primeira man a experiencia de Rodrigo Hernán Malagrino, un galego retornado de Arxentina beneficiario do programa Retorna Cualifica Emprego que traballa nesta empresa como mecánico grazas á esta iniciativa do Goberno galego.
Durante a visita, a delegada territorial destacou que o programa Retorna Cualifica Emprego, facilita o regreso de persoas galegas menores de 55 anos residentes no exterior, ofrecéndolles un posto de traballo estable mediante un contrato laboral, ao tempo que as empresas acceden a man de obra cualificada coa que cubrir as súas necesidades específicas. Aneiros explicou tamén que o programa garante, ademais, acompañamento e apoio ás persoas participantes desde a súa orixe ata a instalación no seu novo fogar, a través das Oficinas de Retorno da Xunta.
O programa Retorna Cualifica Emprego está incluído dentro da Estratexia Galicia Retorna e tal e como salientou a delegada territorial, “é un exemplo do modelo de captación de talento ordenado e planificado que está a impulsar a Xunta”. De feito, xa permitiu o retorno de máis de 350 homes e mulleres da diáspora para vivir e traballar en Galicia. En relación coa edición actual, esta leva permitido a contratación de tres persoas en tres municipios do ámbito territorial da Delegación.
Como novidade, esta edición incorpora axudas específicas para facilitar o acceso ao alugueiro de vivenda e, por primeira vez, accións en orixe, como as feiras de emprego celebradas en marzo na Arxentina e no Uruguai, ás que asistiron máis de 3.500 persoas e nas que participaron cinco clústeres e unha vintena de empresas de sectores estratéxicos.
A delegada territorial aproveitou a ocasión para animar ás firmas de Ferrolterra, Eume e Ortegal a adherirse ao programa como unha oportunidade de canalizar súas ofertas de emprego, para as que atopan difícil cobertura en Galicia.