A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na inauguración da xornada Amas da Terra. Dinamización do talento e emprendemento feminino no rural da man de Lucía Freitas, organizada desde o Polo de emprendemento de Verín. Alí, puxo en valor a iniciativa Amas da Terra como proxecto social, cultural e gastronómico que pretende visibilizar a todas as mulleres que forman parte do sector culinario galego e, en concreto, a xornada de hoxe por perseguir conectar experiencias enriquecedoras e presentar os recursos que ofrece a Rede de polos de emprendemento para proxectos neste eido.
Nese senso, Mariño destacou que o Polo de Verín leva atendido máis de 270 iniciativas empresariais relacionados principalmente cos servizos, seguidos da agricultura, gandería, silvicultura e pesca, do comercio e da hostalaría. Engadiu que arredor dun 60% das iniciativas están impulsadas por mulleres, ao igual que as que participan no acto de hoxe. Trátase da cociñeira Begoña Vázquez, da produtora de pataca Antonia “Toña” Calvo e da viticultora Josefa Álvarez “Morena de As Chás”. Ao final, a actividade contempla o Laboratorio Amas da Terra, unha dinámica guiada en grupos de traballo na que se abordará a situación actual do sector, as súas necesidades e propostas sobre posibles solucións.