O delegado destacou a aposta da Xunta por formar e reter talento atendendo ao que demandan as empresas galegas, combinando —no exterior— a atracción de talento planificada e —no interior— unha formación para o emprego flexible
Manuel Pardo salientou as novidades máis importantes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o ano 2026 como é o caso do proxecto piloto de microcredenciais en competencias dixitais especializadas, dotado con 5 M€
O representante do Goberno galego anunciou que dos 33 cursos xa previstos ata xullo de 2027 cobrarán protagonismo as familias profesionais de Hostalería e Turismo, Servizos Socioculturais e á Comunidade así como cursos de desenvolvemento de competencias clave en matemáticas, lingua castelá e lingua galega
Remarcou o representante do Goberno galego que “este tipo de formacións son tremendamente prácticas; os centros, coma este, están moi ben dotados, e o profesorado é moi competente, co que os traballadores saen moi preparados. Trátase dun gran sistema de oportunidades”
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, salientou a aposta da Xunta de Galicia por formar e reter talento axustando o modelo galego de formación ao que están a demandar, en tempo real, as empresas galegas. “Un itinerario -mantivo o delegado territorial- que combina dúas apostas innovadoras de Galicia: no exterior, a atracción de talento planificada e no interior, un modelo de formación para o emprego flexible, axustado ás necesidades reais das empresas e con apoios para os colectivos prioritarios”.
No seu percorrido polas instalacións do CIFP Santa María de Europa, Manuel Pardo, que estivo acompañado do equipo directivo do centro, destacou as novidades máis importantes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o ano 2026 como é o caso do proxecto piloto de microcredenciais en competencias dixitais especializadas, dotado con 5 M€ ao abeiro do decreto pioneiro que Galicia prevé aprobar en decembro.
Tamén salientou a consolidación das axudas dirixidas aos diferentes perfís laborais, incluíndo a liña de accións formativas para persoas desempregadas, reformulada por completo este ano para potenciar a empregabilidade dos beneficiarios; as unidades formativas en empresas con compromiso de contratación (8 M€ o vindeiro ano) e a formación para persoas traballadoras ocupadas, con varias liñas de axudas que superan en total os 15 M€.
Durante a visita, o delegado territorial felicitou ao alumnado participante nos oito cursos que se están a desenvolver nestes días no Centro Integrado de Formación Profesional Santa María de Europa, afirmando que “este tipo de formacións son tremendamente prácticas; os centros, coma este, están moi ben dotados, e o profesorado é moi competente, co que os traballadores saen moi preparados. Trátase dun gran sistema de oportunidades”; remarcou.
Manuel Pardo anunciou que dos 33 cursos xa previstos ata xullo de 2027, ademais das especialidades anteditas, cobrarán protagonismo as familias profesionais de Hostalería e Turismo (con formación específica en Cociña e en Servizos de bar e cafetería); Servizos Socioculturais e á Comunidade (con formación específica en Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais), así como cursos de desenvolvemento de competencias clave en matemáticas, lingua castelá e lingua galega.

O CIFP Santa María de Europa e o seu abano de cursos formativos
No Centro Integrado de Formación Profesional Santa María de Europa, membro da Rede de Centros Integrados da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, impártense as ofertas formativas relativas aos títulos e certificados de profesionalidade referidas ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Nesta tipoloxía de centros póñense a disposición das persoas traballadoras desempregadas e ocupadas programas de formación estreitamente vinculados cos principais sectores produtivos que demandan cualificacións profesionais en Galicia.
Ademais de ofrecer programas de formación en diferentes modalidades de FP, deben manter unha estreita conexión cos centros de traballo e desenvolven actividades de innovación e desenvolvemento da FP, de formación do profesorado, de avaliación da competencia e de información e orientación profesional.
Na actualidade estanse a desenvolver cursos correspondentes ás familias profesionais de Electricidade e Electrónica (Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión); Agraria (Actividades de floraría); Fabricación Mecánica (Operacións auxiliares de fabricación mecánica e Soldadura por arco baixo gas protector con eléctrodo consumible, soldeo MIG/MAG); Instalación e Mantemento (Montaxe e mantemento de instalacións frigoríficas); Madeira, Moble e Cortiza (Traballos de Carpintería e Moble); e Transporte e Mantemento de Vehículos (Mantemento dos sistemas eléctricos e electrónicos de vehículos). Completa a formación nestas xornadas o curso de Comunicación en lingua galega correspondente ás competencias clave da formación complementaria.