José González explicou que tamén se fortalecerá a formación de talento xunto co tecido local co pulo a ferramentas como os obradoiros e programas integrados de emprego e o Aprol Rural, dotadas cun investimento global no 2026 de máis de 74 M€
Lembrou que se impulsará o modelo galego de atracción de talento, con novas ferramentas como unha oficina autonómica e o obxectivo de atraer traballadores do exterior —co foco na diáspora galega— dun xeito planificado e da man das empresas
Salientou a consolidación do apoio autonómico aos autónomos co pulo a accións como o paquete único de axudas específicas para o colectivo (40,7 M€) e ao emprendemento, con novas liñas de apoio e cun eixo fundamental na remuda xeracional e o rural
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración reforzará no 2026 a súa aposta a prol da formación e retención de talento da xuventude a través dunha batería de medidas que, no seu conxunto, suporán un investimento de preto de 30 M€. Así o expuxo o conselleiro José González durante a súa comparecencia esta tarde na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento para explicar as contas do seu departamento para 2026, cun orzamento total de preto de 497M€ e orientado a impulsar a Galicia que forma, retén e suma talento, que emprende ligada ao territorio e que aposta polo comercio local.
Entre as iniciativas que salientou José González están as englobadas na Estratexia Mocidade Activa, coa que se seguirán impulsando todas as medidas favorecedoras da empregabilidade deste colectivo (programas primeira experiencia profesional —6,3 M€—, Galicia emprega Moz@s —4 M€—, Investigo —preto de 5 M€— e Cooperas, no que dos máis de 15 M€ de orzamento, 10 estarán destinados á contratación de persoas novas). Tamén se referiu ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, BEME (2,5 M€) para atraer e fixar talento en Galicia e aos novos apoios para aprendices e o emprendemento destinado aos mozos, un dos colectivos prioritarios para o Executivo nas políticas de emprego xunto ás mulleres —que contarán coa consolidación de apoios para sectores masculinizados ou o Galicia Emprega Muller (7M) — ou persoas con discapacidade.
Formación e retención de talento da man do tecido local
No 2026 tamén se potenciarán iniciativas de formación de talento ligada ao territorio como os obradoiros e programas integrados de emprego e o programa Aprol Rural, dotadas cun investimento global de máis de 74 M€. En relación cos obradoiros de emprego (44 M€) lembrou que se reforzará a formación práctica para favorecer a empregabilidade dos participantes, ao tempo que se cobren vacantes e que a metade do importe se destinará á familia agraria. Engadiu ademais que se afianzarán os programas integrados de emprego (máis 10 M€). No caso de Aprol Rural, salientou como novidade o lanzamento de apoios para a contratación de coordinadores municipais de prevención e a suba de máis de 6 M€ na súa dotación ata acadar os 20 M€.
Dentro da aposta galega pola formación flexible e axustada ás demandas das empresas, salientou un piloto de microcredenciais en competencias dixitais especializadas (5 M€), ao abeiro do decreto pioneiro que Galicia prevé aprobar en decembro. Tamén o afianzamento de liñas aos distintos perfís laborais co foco na poboación desempregada coa nova filosofía das accións formativas para este colectivo (con 60M€), as unidades formativas en empresas con compromiso de contratación (8 M€). Trátase de accións que no 2026 verán reforzada a súa vinculación cos itinerarios formativos para optimizar a súa inserción laboral e o valor engadido para o tecido produtivo. A isto engádese a formación para ocupados, con varias liñas que superan en total os 15 M€.
Apoio a autónomos e ao emprendemento
José González tamén puxo de relevo a consolidación do apoio autonómico aos autónomos e ao emprendemento. No primeiro caso, co pulo a accións como o paquete único de axudas específicas para este colectivo (40,7 M€) dando continuidade no 2026 á aposta pola simplificación administrativa e con novidades no programa de promoción de emprego autónomo, que reforza o apoio aos autónomos que inicien a súa actividade en calquera sector asociado á agricultura, gandaría e silvicultura e no Bono Remuda, que sobe un 20% o investimento ata 1,5 M€ para seguir impulsando a continuidade dos negocios. En canto ao emprendemento, destacou a potenciación da Rede de polos e do Centro de Orientación ao Emprendemento, diferentes liñas de apoio ao emprendemento e a aposta por potenciar o modelo coliving. Tamén puxo de relevo os preto de 45 M€ que se destinarán a seguir potenciando a economía social.

Suma de talento co foco no retorno
O titular de Emprego lembrou ademais algunhas novidades que afianzarán o plan galego para captar talento, que abarca medidas enfocadas ao retorno da diáspora e tamén para persoas traballadoras de 3º países como a posta en marcha dunha oficina autonómica para reforzar o modelo galego que capta perfís laborais cualificados como complemento do talento interno. Nese sentido, aludiu o programa Retorna Cualifica Emprego (1,8 M€) e a outras novas como os 1,5 M€ que se destinarán a facilitar vivenda ás persoas captadas como complemento deste plan. Isto compleméntase con outros apoios enmarcados na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 como as axudas extraordinarias ao retorno, que soben a dotación en máis dun 20% (2,8 M€), as destinadas a persoas retornadas para o fomento do autoemprego e actividade emprendedora, que se incrementan en 200.000 € (1,2 M€), ademais das citadas BEME.
Aposta polo comercio local e a artesanía
No campo do comercio e relacionado coa difusión e comercialización da marca artesanía de Galicia, a principal novidade que destacou José González é a creación o vindeiro ano en Santiago de Compostela da Casa do Artesán, que será a sede da Fundación Artesanía de Galicia e albergará unha exposición permanente con pezas de artesáns do selo. Engadiu ademais que se seguirá potenciando o Plan de comercio de Galicia 2025-2030 no que se enmarcan apoios como os destinados á transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal (4 M€), a potenciar as prazas de abastos como Mercados Excelentes (preto de 4,5 M€) e os dirixidos a actuacións de dinamización das áreas de interese comercial (2,7 M€). Volverán tamén iniciativas como os bonos Activa Comercio (5M€) e seguirase desenvolvendo o proxecto Vilas vivas.
Órganos adscritos
Por último, González referiuse ao orzamento de 2026 dos órganos adscritos á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, como os máis de 7,7 M€ para o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga). A isto súmanselle os 3 M€ en concepto de apoios á prevención de riscos laborais. Tamén se reforzará o labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia con máis de 7,5 M€ na defensa dos dereitos das persoas consumidoras e 1,4M€ destinaranse ao Consello Galego de Relacións Laborais.