A delegada territorial da Xunta e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asistiron ao evento Raíces & traxectorias apoiado polo Goberno galego
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asistiron este venres á apertura do evento a prol do liderado feminino Raíces & traxectorias, apoiado polo Goberno galego e celebrado na sede de Afundación na cidade.
Ana Ortiz destacou durante a súa intervención o “talento feminino” que xa está presente tanto en institucións públicas como no sector privado e lembrou que “é necesario seguir traballando para avanzar na igualdade real de oportunidades”.
Nesa liña, Marta Mariño puxo de relevo as oportunidades que ofrece o territorio galego para o emprendemento e o importante papel que a muller representa xa dentro deste ecosistema, como reflicte o balance da Rede de polos, coas mulleres pilotando preto dun 60% das iniciativas empresariais que buscan asesoramento técnico.
Raíces e Traxectorias é un evento de carácter nacional organizado pola empresa viguesa Diesemm e a comunidade Women in Retail (WiR). O proxecto, que nace co obxectivo de «crear referentes e construír un legado para as novas xeracións», iniciará en Vigo unha xira que se estenderá por todo o territorio nacional ao longo de 2026.
A iniciativa busca borrar a imaxe simplificada do éxito, ofrecendo unha xanela íntima ás carreiras profesionais de mulleres que lideran o ecosistema empresarial. A metodoloxía reúne a sete directivas de prestixio nacional e internacional narrarán os momentos clave da súa traxectoria en tan só dez minutos, utilizando unicamente cinco fotografas persoais como soporte visual.
As sete ponentes foron Mercedes Porro, directora de Estratexia de Kiabi en España e Portugal; Eva García Saiz, directora comercial de Google Cloud; Daniela Goicoechea, fundadora de Brandcorps e exdirectora de Marketing de Goiko; Fátima Doñoro, responsable de Marketing e Comunicación de TAG Heuer; María Eugenia Carbonell, xefa de Partner Sales de Amazon para o sur de Europa; Virginia Pozo, fundadora e directora creativa de Coosy, e Dora Casal, actual CEO de Roberto Verino.
