O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe no acto que se celebrou en Santiago de Compostela

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe no acto organizado pola Fundación 10 de marzo e CCOO Galicia co gallo de renderlle homenaxe a Suso Díaz (1944-2025), falecido en xullo deste ano e quen fora secretario xeral deste sindicato entre 1992 e 2000. Alí, puxo en valor a súa figura como referente do sindicalismo tanto galego como español, firme defensor dos dereitos das persoas traballadoras e con gran vontade para chegar a acordos tanto coa patronal como coa Administración.

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que poucos como Díaz deixaron unha pegada tan forte coa súa militancia obreira, que arrancou ben cedo, case tanto como a súa andaina laboral, que botaba a andar cando tan só tiña 14 anos, en Astano. Lembrando que foi detido en varias ocasións, mesmo estando encarcerado nunha delas, referiuse así ao lonxe que chegaba á hora de loitar polo que cría, máis tarde, xa no marco do Diálogo Social.

O conselleiro aproveitou o acto para reafirmar o compromiso da Xunta coa colaboración público-privada, avogando pola escoita activa coa man tendida aos axentes sociais, como aliados imprescindibles para continuar avanzando en blindar os dereitos das persoas traballadoras e a competitividade do noso tecido produtivo.

Nesa liña, puxo de relevo o avance de cara a reforzar o Diálogo Social en Galicia como unha ferramenta imprescindible para o desenvolvemento do progreso económico e a cohesión social da nosa terra.

 

Loading...