O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais e a xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participan hoxe na presentación do documento Dixitalización do traballo: traballos seguros e saudables na era dixital

Este material afonda nos impactos da dixitalización no eido laboral e recolle propostas para anticipar e xestionar os novos riscos que xorden co uso das tecnoloxías, como tecnoestrés, illamento social, sobrecarga laboral ou inseguridade profesional

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participan hoxe na presentación do documento técnico Dixitalización do traballo: traballos seguros e saudables na era dixital, organizada no marco da Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo. Este material afonda nos impactos da dixitalización no ámbito laboral e recolle propostas para anticipar e xestionar os novos riscos que xorden co uso das tecnoloxías dixitais.

Entre eles, salientan o tecnoestrés, a tecnoadicción, a tecnofobia, o illamento social derivado do traballo remoto, a sobrecarga laboral ou a inseguridade profesional. Tamén se analizan as consecuencias do uso intensivo de ferramentas dixitais, que pode agravar determinados problemas ergonómicos e psicosociais, ademais de plantexar novos retos éticos vinculados á privacidade e á protección de datos das persoas traballadoras.

Nese senso, os obxectivos ante os retos que presenta a dixitalización e as TIC no traballo inclúen sensibilizar e profundar no coñecemento sobre os riscos e as oportunidades que a transformación dixital implica para a seguridade e saúde no traballo, concienciar sobre un uso seguro, promover unha xestión proactiva e de boas prácticas e fomentar o intercambio de información e coñecementos.

Deste xeito, na xornada de hoxe abórdase a adaptación dos lugares de traballo ás novas tecnoloxías para tratar de minimizar os riscos e propoñer algunhas medidas preventivas, como son garantir o dereito á desconexión dixital, impulsar a formación continua en competencias dixitais e liderado a distancia, asegurar a transparencia nos algoritmos e manter o control humano sobre as decisións automatizadas, etc. Tamén a integración de ferramentas dixitais no traballo diario sen comprometer a seguridade e saúde dos empregados.

Webinario sobre IA

Cómpre engadir que, tamén no marco da Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, este martes celebrouse a xornada técnica en formato webinar Intelixencia artificial, dixitalización e PRL: cara a traballos máis seguros e saudables, centrada en identificar e abordar os riscos emerxentes asociados á dixitalización, así como en promover boas prácticas que contribúan a deseñar contornas laborais dixitais máis seguras, saudables e humanas. A actividade buscou fomentar unha reflexión crítica e ofrecer ferramentas prácticas que axuden a adaptar a prevención de riscos aos novos escenarios laborais.

Xunto con estas actividades, o Issga tamén reforza durante esta semana a difusión doutras campañas de sensibilización relacionadas coa temática da dixitalización, como Emprego de dispositivos electrónicos portátiles, centrada en advertir sobre os riscos ergonómicos derivados do uso prolongado destes equipos —posturas forzadas, movementos repetitivos ou fatiga visual—, e Teletraballa con prevención, que recolle recomendacións e medidas preventivas para desenvolver o traballo a distancia nas mellores condicións de seguridade e saúde.

Loading...