José González referiuse ao PIE 2024-2025 de Asime pero tamén á implicación da entidade en iniciativas da Consellería como as feiras de emprego celebradas o pasado mes de marzo na Arxentina e no Uruguai, co gallo de captar novos perfís profesionais

Tamén na mesa de traballo mantida co sector para coñecer as súas necesidades de persoal, identificar as barreiras de acceso a man de obra, informar sobre as medidas da Xunta ao respecto e detectar as eivas do catálogo de postos de difícil cobertura

Asegurando o investimento nos programas integrados de emprego en 2026, o conselleiro reafirmou o seu compromiso coa formación para o emprego da man de axentes como Asime, especialmente ao abeiro do novo decreto de microcredenciais

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe no acto de clausura do Programa Integrado de Emprego (PIE) desenvolvido pola Asociación de industrias do metal e tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime) entre o ano pasado e este, onde puxo en valor a colaboración coa entidade co gallo de lograr dar cobertura ás vacantes laborais e apostar pola remuda xeracional no sector metalmecánico, especificamente en eidos estratéxicos como o naval.

Así, referiuse non só a accións como o PIE apoiado pola Xunta senón tamén á presenza de Asime nas feiras de emprego celebradas o pasado mes de marzo na Arxentina e no Uruguai co obxecto de captar novos perfís profesionais. Tamén á súa implicación na mesa de traballo mantida co sector do metal para coñecer as súas necesidades específicas de persoal, identificar as barreiras de acceso a man de obra e informar sobre as diferentes vías e recursos en marcha para facilitar a incorporación ao mercado laboral tanto dos galegos no exterior como de persoas estranxeiras. Unha mesa que buscaba ademais detectar as carencias do catálogo de postos de difícil cobertura, cuxa actualización —segundo lembrou— se vén demandando ao Goberno central xunto con outras cuestións como a axilización do traspaso de competencias das autorizacións iniciais de traballo.

No caso do Programa Integrado de Emprego, o conselleiro celebrou as insercións laborais conseguidas grazas á formación da que se beneficiaron un cento de persoas nas provincias de Pontevedra e A Coruña, arredor de aspectos como a fabricación mecánica (centrada na soldadura), a administración e xestión e a loxística comercial. Para consolidar a tendencia, avanzou que o investimento autonómico nos PIE se consolidará nos orzamentos de 2026 cun novo investimento superior aos 10 millóns de euros, tras a convocatoria deste ano que incorporou criterios de valoración renovados que priman, entre outras, propostas que integren tecnoloxías emerxentes e que estean aliñadas cos sectores industriais estratéxicos, como é o caso do metalmecánico.

Formar, reter e sumar talento

González enmarcou os PIE na folla de ruta do Goberno galego a prol dunha formación flexible e axustada ás necesidades do tecido produtivo con medidas que veñen demostrando que funcionan e que se consolidarán en 2026 (como a nova orde de accións formativas para desempregados —reformulada este ano e que contará con máis de 60 M€—, as unidades formativas en empresas con compromiso de contratación (8 M€) e a formación para ocupados, con varias liñas que superan en total os 15 M€). Tamén co decreto de microcredenciais para o traballo, que se prevé ter publicado en decembro e ao abeiro do cal se impulsará un proxecto piloto de microcredenciais en competencias dixitais especializadas, dotado con 5 millóns de euros.

Na súa intervención, o titular de Emprego referiuse tamén ao Plan de atracción de talento que contará en 2026 cunha oficina autonómica para reforzar o modelo galego que capta perfís laborais cualificados como complemento do talento interno. Nese senso, aludiu a medidas que se consolidarán como o programa Retorna Cualifica Emprego que ten propiciado xa a volta de máis de 350 persoas e a outras novas como os 1,5 M€ que se destinarán a facilitar vivenda ás persoas captadas no marco do mencionado Plan.

Todo isto, recalcou, para seguir avanzando no encaixe de oferta e demanda no eido laboral, sobre todo en sectores estratéxicos como o metalmecánico con especial falta de man de obra. Nese sentido, fixo fincapé na colaboración público-privada como imprescindible da man de axentes como Asime, coa que reiterou a súa vontade de seguir cooperando.

Loading...