O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participan hoxe no acto de peche desta iniciativa enmarcada na colaboración co Clúster do Ecommerce Galego
No marco da Rede de polos de emprendemento, participaron preto dunha vintena de proxectos empresariais principalmente do sector servizos, seguido en representatividade da artesanía e deseño, da saúde e a estética e da alimentación
Destinada tanto a negocios no eido do comercio electrónico que precisan un impulso como a outros que aposten por acceder agora á comercialización dixital, esta edición incluíu dous niveis de formación, con máis mentorías e sesións formativas
A Xunta clausura hoxe a segunda edición da aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce que busca seguir impulsando o comercio electrónico ao abeiro da Rede de polos de emprendemento e a través da colaboración co Clúster do Ecommerce Galego. Preto dunha vintena de proxectos participaron nesta andaina que hoxe se pecha, destinada tanto a negocios no eido do comercio electrónico que precisan un pulo como a outros que aposten por acceder agora ás oportunidades de expansión que ofrece a comercialización dixital.
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, foi o encargado de inaugurar o acto de hoxe en Mesía, que clausurará logo a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño. Un acto no que os participantes presentan os seus proxectos ante empresas, institucións e profesionais do sector. Tamén hai un espazo para favorecer o intercambio de ideas, así como novas colaboracións e sinerxías.
Entre as iniciativas participantes, destacan as do sector servizos, seguido en representatividade da artesanía e deseño, do deporte, a saúde e a estética e da alimentación. Dirixidas nun 56% dos casos por mulleres e nun 44% por homes, tamén hai negocios doutros campos como a construción, a moda, o turismo ou as relacionadas coa infancia.
Novidades desta segunda edición
Cómpre destacar que esta edición incluíu como novidade dous niveis de formación. Un deles de iniciación para aquelas persoas emprendedoras que comezan de cero ou con coñecemento baixo en comercio electrónico e outro avanzado para os que xa contan coa comercialización dixital e necesitan un impulso.
Grazas a este programa, as persoas participantes recibiron formación e mentorización sobre comercio electrónico, con obradoiros, titorización personalizada e sesións docentes por parte de expertos profesionais na materia para lanzar, xestionar, impulsar e rendibilizar os seus negocios en liña. Neste campo, ampliouse o período de mentorías de dous a cinco meses e o número de sesións en relación co ano pasado. Ademais, co obxectivo de axustarse ás necesidades de cada proxecto, adaptáronse os contidos aos grupos creados.
Este programa enmárcase na aposta da Xunta pola innovación no marco do impulso ao emprendemento, potenciando o talento e a competitividade das empresas galegas mediante o apoio, incentivo e promoción do comercio electrónico. Ao mesmo tempo, promóvese a convivencia de empresas nativas dixitais con empresas físicas que teñen unha importante actividade online, facilitando a aprendizaxe mutua.