Estes automóbiles empregarase fundamentalmente para o traballo de campo, como visitas e seguimentos en materia de prevención de riscos laborais, así como na asistencia técnica á Inspección de Traballo

Responden a unha necesidade real do territorio e dos sectores con maior foco, xa que moitos desprazamentos se realizan por pistas ou sendeiros non asfaltados, como ocorre nas actividades forestais, explotacións mineiras ou agrarias

Con esta incorporación complétase a fase de renovación da flota do Issga iniciada en 2024, clave para garantir o traballo de inspección, formación e asistencia técnica nas empresas e lugares de traballo de Galicia

A entrega efectuada hoxe coincide coa conmemoración da Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, na que o Issga participa activamente con accións de divulgación vinculadas ao lema ‘Traballos seguros e saudables na era dixital’

O secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, acompañado pola xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, fixo entrega esta mañá de cinco vehículos todoterreo híbridos destinados a refrozar o labor do persoal do organismo. Estes automóbiles empregarase fundamentalmente para o traballo de campo, como visitas e seguimentos en materia de prevención de riscos laborais (PRL) en todo o territorio galego.

O secretario xeral técnico fixo fincapé en que estes vehículos permitirán reforzar os programas de redución da sinistralidade, sensibilización, formación, seguimento e control, así como a asistencia técnica á Inspección de Traballo. Ademais, subliñou que responden a unha necesidade real do territorio e dos sectores con maior foco, xa que moitos desprazamentos se realizan por pistas ou sendeiros non asfaltados, como ocorre nas actividades forestais, obras públicas, explotacións mineiras ou agrarias.

Con esta entrega complétase a fase de renovación da flota do Issga iniciada en 2024, que incluíu previamente a incorporación de 11 vehículos utilitarios. Esta actualización resulta fundamental para garantir o traballo de inspección, formación e asistencia técnica nas empresas e lugares de traballo de Galicia. Estas actuacións encádranse no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia Horizonte 2027, co obxectivo de reforzar o papel do Issga como órgano técnico-científico da Xunta en materia de prevención de riscos laborais e promoción da saúde no traballo, axudando ao tecido produtivo galego a reducir a sinistralidade e mellorar a xestión preventiva.

Semana Europea da Seguridade e da Saúde Laboral

A entrega efectuada hoxe coincide coa conmemoración da Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, na que o Issga participa activamente con accións de divulgación vinculadas á campaña promovida pola Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo (EU-OSHA), baixo o lema Traballos seguros e saudables na era dixital.

Precisamente mañá xoves no centro do Issga de Pontevedra terá lugar a xornada técnica Dixitalización no traballo: traballos seguros e saudables na era dixital, na que se presentará tamén o novo documento técnico do Issga sobre esta temática.

Este novo documento técnico analiza os impactos da dixitalización no ámbito laboral e propón medidas para anticipar e xestionar riscos asociados ás novas tecnoloxías, como tecnoestrés, tecnoadicción, illamento social derivado do teletraballo, sobrecarga laboral ou inseguridade profesional. Tamén aborda cuestións ergonómicas, psicosociais e retos éticos vinculados á protección de datos.

Loading...