A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asistiu hoxe ao evento para poñer en valor as entidades colaboradoras do proxecto Natura XXIII, impulsado pola Fundación para a discapacidade e emprego Juan XXIII e apoiado pola Xunta. Nas instalacións coas que conta a entidade no lago de Castiñeiras de Marín, Mariño recordou que o Goberno autonómico vén contribuíndo a consolidar o seu Centro Especial de Emprego (CEE), entre outras achegas.
Aproveitando o acto, a directora xeral celebrou que baixo a nova marca Botánico do Lago de Castiñeiras a fundación vaia seguir avanzando na creación de emprego de calidade para persoas con discapacidade intelectual, poñendo en marcha unha cafetaría como punto de encontro sociolaboral ou un espazo de venda de plantas e artigos de xardinaría no parque forestal de Cotorredondo. Enmarcou estas accións no importante labor que desenvolve desde 1988 este CEE, que vén recibindo axudas da Xunta nos últimos anos para o seu mantemento, para a creación ou ampliación do seu cadro de persoal, para a súa unidade de apoio á actividade profesional ou para un programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual.