A delegada territorial de Ferrol, participou esta mañá na entrega de diplomas aos participantes neste itinerario formativo que a Xunta financiou cun investimento próximo aos 449.000 euros
A formación, que se impartiu na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe, completouse con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada polos alcaldes de Fene, Sandra Permuy; Ares, Julio Iglesias, e Cabanas, Fernando Couce, participou esta mañá na Casa do Concello de Fene na clausura do obradoiro Inicia VIII, un programa que a Xunta financiou con 448.967 euros e dirixido a mozas e mozos en situación de desemprego, inscritas como tal no Servizo Público de Emprego de Galicia e como beneficiarias no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
Esta iniciativa, promovida polos Concellos de Fene, Ares, Cabanas e Mugardos “é unha oportunidade aberta ao mercado laboral”, como recalcou a delegada territorial na súa intervención, quen destacou a aposta decidida do Goberno galego pola empregabilidade vinculada ao territorio como “fórmula de éxito para lograr unha maior inserción no mercado de traballo, á vez que se da resposta ás necesidades das empresas da zona que precisan de man de obra cualificada”.
Durante o acto, fíxose entrega dos diplomas acreditativos aos 9 alumnos que concluíron con éxito este itinerario formativo que se impartiu na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial.
Os participantes completaron a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local como a instalación de tubos para conformar varandas en Ares; a confección dunha base modular para un escenario no concello de Cabanas ou a execución de recintos para colectores de recollida de lixo en Mugardos.