Coordinará as medidas de emprego para persoas galegas do exterior que desexan regresar a traballar na súa terra e tamén ás procedentes de 3º países reforzando o “modelo Galicia”, que busca captar talento dun xeito planificado e unido ao emprego
Entre as iniciativas que serán canalizadas por esta oficina autonómica, José González destacou as axudas de rehabilitación de vivenda vencelladas ao plan de talento, a consolidación do Retorna Cualifica Emprego ou novas feiras de emprego no exterior
Dentro da aposta por atender as necesidades de talento do tecido produtivo con medidas pioneiras fóra e dentro de Galicia, no referido á formación avanzou un piloto de microcredenciais no eido dixital e a potenciación de accións axustadas ao mercado
Tamén no ámbito da formación e retención de talento, destacou o redeseño dos obradoiros (cun investimento de 44 M€) e o reforzo dos Aprol Rural (suba de 6 M€, ata os 20 M€), ambos cun foco prioritario na dinamización e defensa do territorio
A Xunta porá en marcha no 2026 unha Oficina de Atracción de Talento que coordinará todas as medidas en materia de emprego destinadas aos galegos e galegas do exterior que deciden retornar para traballar na súa terra, así como as iniciativas dirixidas a favorecer a contratación planificada de persoas traballadoras de 3º países por parte de empresas da nosa comunidade. Deste xeito, Galicia consolidará un modelo propio que aposta por captar persoas traballadoras de xeito ordenado e sempre en base a un emprego de calidade —por conta allea ou emprendendo—.
Así o anunciou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, durante a súa comparecencia a petición propia no Pleno do Parlamento para dar conta das medidas da Xunta orientadas a facilitar a cobertura de vacantes laborais. Unha folla de ruta que combina dúas apostas innovadoras de Galicia: no exterior, a atracción de talento planificada e no interior, un modelo de formación para o emprego flexible, axustado ás necesidades reais das empresas e con apoios para os colectivos prioritarios.
Entre as ferramentas que canalizará esta oficina autonómica —que se integrará na estrutura da Consellería como un servizo—, González destacou o lanzamento no 2026 de axudas á rehabilitación de vivendas por valor de 1,5 M€, destinadas a persoas contratadas no marco do plan de captación de talento. Trátase dunha acción complementaria ao Retorna Cualifica Emprego, un programa que xa permitiu o retorno de máis de 350 homes e mulleres da diáspora para vivir e traballar en Galicia, no que hai máis de 160 empresas ofertando postos de traballo e que no 2026 contará cun orzamento de 1,8 M€. Neste sentido, avanzou que no vindeiro ano se organizarán novas feiras de emprego no exterior tralo éxito das celebradas na Arxentina e no Uruguai en marzo. Ademais, puxo en valor a capacidade de medidas como as BEME (2,5 M€ no 2026) para atraer e fixar talento en Galicia. Tamén destacou a suba orzamentaria para o vindeiro ano en máis dun 20% da dotación das axudas extraordinarias ao retorno (2,8 M€) e de 200.000 euros no caso dos apoios ás persoas retornadas para o fomento do autoemprego e actividade emprendedora (1,2 M€).
José González destacou o posicionamento responsable da Xunta neste eido, concentrado nunha visión equilibrada que defende a integración do talento no noso territorio a partir de canles reguladas vencelladas ao traballo. Por iso, ademais de solicitar a axilización na homologación de títulos universitarios ao Goberno central e que non atranque estes trámites, no referido ás persoas traballadoras procedentes de terceiros países, insistiu ao Executivo central na necesidade de axilizar o traspaso de competencias das autorizacións iniciais de traballo e tamén, tal e como xa solicitou Galicia, na actualización do catálogo dos postos de difícil cobertura. Ademais, lamentou que o Goberno central non tivese en conta as microcredenciais na reforma da Lei de estranxeiría, un enfoque que defende e aplica Galicia no Programa de arraigamento para o emprego, grazas ao que desde a primeira edición, un total de 280 persoas migrantes regularizarán a súa situación de xeito ordenado e en base a un emprego.
Galicia forma e retén talento
Xa dentro das medidas destinadas a formar e reter talento interno, González destacou a aposta da Xunta por axustar o seu modelo ao que están a demandar, en tempo real, as empresas galegas. Un esforzo que parte do proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia —con eixes como a modernización de infraestruturas (8 M€ no 2026) e o desenvolvemento da ferramenta EMi (2 M€ o próximo ano)— e que chega á batería de accións á carta do tecido produtivo, con novas apostas no 2026 como un proxecto piloto de microcredenciais en competencias dixitais especializadas —dotado con 5 M€ ao abeiro do decreto pioneiro que Galicia prevé aprobar en decembro—. Tamén a consolidación das liñas dirixidas aos diferentes perfís laborais, incluíndo a nova orde de accións formativas para desempregados —reformulada este ano e que contará con máis de 60 M€ en 2026—, as unidades formativas en empresas con compromiso de contratación (8 M€ o vindeiro ano) e a formación para ocupados, con varias liñas que superan en total os 15 M€.
González tamén fixo fincapé noutras ferramentas fundamentais como os obradoiros de emprego (44 M€), ampliados e redeseñados para favorecer a empregabilidade dos participantes ao tempo que se cobren vacantes en sectores estratéxicos, especialmente no rural facendo unha importante aposta pola familia agraria, clave para a dinamización e defensa do territorio. Ademais, explicou que no 2026 tamén se impulsarán outras liñas de colaboración coas entidades locais con novidades como a posta en marcha de axudas para a contratación de coordinadores municipais de prevención dentro do programa Aprol Rural, cuxo orzamento subirá máis de 6 M€ ata acadar os 20 M€. Neste eido, destacou outras iniciativas como o programa Cooperas (15 M€). A maiores, destacou o apoio da Xunta ao emprendemento e ao colectivo de autónomos con accións que se consolidan no 2026, como o paquete único de axudas específicas ás persoas autónomas (40,7 M€).