A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta tarde na mesa redonda O dereito financeiro e as mulleres con discapacidade no marco da xornada A protección do ordenamento tributario ás mulleres con capacidades diferentes organizada pola Universidade de Vigo. Alí, puxo en valor o compromiso da Xunta coa igualdade de oportunidades no eido laboral para garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade.
Nese senso, destacou que Galicia é referente en reserva dos contratos nos seus procesos de licitación co gallo de que participen de xeito exclusivo empresas de inserción ou centros especiais de emprego de iniciativa social, máis aló das convocatorias específicas de apoio a este tipo de entidades. Tamén se referiu a outras iniciativas como a formación dual para capacitar a persoas con discapacidade intelectual e mellorar a súa inserción profesional ou ao programa de emprego con apoio para financiar a contratación de preparadores que presten apoio a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social no seu traballo nunha empresa, co fin de favorecer a súa integración laboral.