O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na inauguración do establecemento, destacando que esta empresa de inserción recibe apoio do Goberno galego para garantir a súa actividade
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na inauguración da tenda Arroupa de Vilagarcía de Arousa, impulsada por Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. Alí, puxo en valor o novo establecemento como unha aposta polo emprego inclusivo, pola economía circular e por un consumo responsable, destacando que esta empresa de inserción recibe apoio da Xunta de Galicia para garantir a súa actividade.
En concreto, segundo explicou, as achegas céntranse en incentivar a contratación de persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, financiando o custo salarial. Tamén en favorecer o funcionamento de Arroupa, axudando na xestión e dirección da entidade e financiando o persoal técnico de orientación.
O secretario xeral destacou que os valores que promove esta empresa de inserción que abre nova tenda en Vilagarcía son os mesmos que impulsa a 2ª Estratexia galega da economía social Horizonte 2027 que está en marcha e coa que a Xunta persegue posicionar esta fórmula empresarial nos sectores verde, sustentable, industrial, tecnolóxico e dixital, ao tempo que contén medidas para xerar 4.000 empregos e crear 400 novas entidades.