O encontro, organizado pola Xunta de Galicia, celebrarase os vindeiros 27 e 28 de novembro no Monasterio de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra, no marco do recoñecemento á comunidade galega como Rexión Emprendedora Europea 2025

Reunirá a 60 referentes nacionais e internacionais, 30 empresas tractoras e 150 participantes do ecosistema emprendedor nacional e internacional

Este evento enmárcase no compromiso autonómico co emprendemento ligado ao territorio, que abarca unha folla de ruta con medidas como a Rede de polos de emprendemento ou o proxecto Fixar, que promove os espazos coliving no rural

As persoas interesadas neste foro poderán obter máis detalles na páxina web desta iniciativa ultreiagalicia.com, na que tamén se poderán inscribir de xeito gratuíto

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración organizará os vindeiros 27 e 28 de novembro no Monasterio de Santo Estevo de Ribas de Sil -no concello ourensán de Nogueira de Ramuín- o encontro de emprendemento Ultreia Galicia, emprendemento ligado ao territorio, que reunirá a 60 referentes nacionais e internacionais, 30 empresas tractoras e 150 participantes do ecosistema emprendedor nacional e internacional. Deste xeito, busca conectar iniciativas xa existentes en Galicia co ecosistema emprendedor nacional e internacional no marco do recoñecemento á comunidade galega como Rexión Emprendedora Europea 2025, xunto con Mazovia (Polonia) e Krapina Zagorje (Croacia).

Neste sentido, con este evento, o Goberno galego busca amosar como a innovación pode xurdir do local e proxectarse ao mundo, impulsando un modelo de desenvolvemento sostible e competitivo baseado nos valores do territorio. Un aspecto que o Goberno galego está a potenciar cunha folla de ruta específica coa que busca aumentar o número de persoas emprendedoras no rural, diversificar as actividades económicas da rexión e reforzar a colaboración público-privada neste ámbito, entre outros obxectivos. Faino con medidas como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, o proxecto Fixar para atraer ao rural a nómades dixitais promovendo espazos de coliving e coworking ou este evento Ultreia, entre outras.

No caso do congreso Ultreia, mostraranse casos de éxito e promoveranse redes de colaboración, oportunidades de investimento e a apertura de novas canles de cooperación internacional vencelladas co emprendemento ligado ao territorio.

Con ese fin, o foro articularase en dúas xornadas e arredor de tres eixos estratéxicos clave que reflicten a identidade e o potencial transformador de Galicia e que son o sector primario (agricultura, ganadería e pesca), o dos recursos naturais e o comercio-turismo, que porá en valor a dimensión de Galicia como destino e marca global.

Xornadas e inscricións

Na xornada do 27 de novembro, un grupo de participantes procedentes doutras rexións poderán coñecer o territorio, descubrindo a conexión entre emprendemento, patrimonio e cultura galega. O día seguinte, o 28 de novembro celebrarase a xornada do congreso, aberta a todo o público e con mesas redondas, entrevistas e presentacións de alto nivel distribuídas en tres espazos, que son o de innovación, o de emprendemento e o de Galicia Rexión Emprendedora. As persoas interesadas neste evento poderán obter máis detalles na páxina web desta iniciativa www.ultreiagalicia.com, na que tamén se poderán inscribir de xeito gratuíto.

 

Loading...