O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe en Vigo no networking enmarcado no programa de mentoría Merlo, desenvolvido pola Xunta en colaboración coa Fundación Ronsel, e dirixido a persoas beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) e retornadas. O obxectivo desta iniciativa é acompañar a estas persoas no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios ou actividades profesionais cunha maior garantía de éxito e favorecendo a súa integración social e empresarial en Galicia.

No acto de hoxe, Pablo Fernández puxo de relevo o éxito desta iniciativa, na que levan participado 500 persoas desde a súa posta en marcha no 2021. Persoas, subliñou, que con este programa obteñen ferramentas para que o seu proxecto empresarial medre. Neste sentido, inclúe accións como obradoiros grupais, charlas e cursos formativos, así como itinerarios individualizados de inserción laboral adaptados ás condicións das persoas participantes. O programa Merlo enmárcase na Estratexia Galicia Retorna, que conta con outras medidas de apoio ás persoas emigrantes galegas retornadas como as axudas ao retorno emprendedor e as extraordinarias para establecerse en Galicia ou o Programa Retorna Cualifica Emprego.

Loading...