José González gabou esta iniciativa que permite visibilizar proxectos empresariais innovadores nun sector estratéxico como é o forestal, ao tempo que contribúe a impulsar o emprendemento neste eido co foco posto nas achegas das novas xeracións

Lembrou que o premio se enmarca no Plan Social que Ence impulsou coa Xunta e que supón un dos principais exemplos en materia de desenvolvemento sustentable e cohesión na cidade de Pontevedra e na súa contorna

Fixo fincapé nas medidas en marcha para reter e atraer talento en beneficio de sectores con necesidades de man de obra como a flexibilización de formación para o emprego, a modernización do SPEG e programas como o Retorna Cualifica

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e polo director da Axencia Galega da Industrial Forestal (Xera), Alfredo Fernández, participou hoxe no acto de entrega do V Premio Cámara de Comercio-ENCE á innovación forestal. Alí, —onde entregou un dos galardóns e interveu na clausura— puxo en valor a iniciativa e os proxectos recoñecidos pola súa aposta por consolidar o emprendemento ligado ao territorio nun sector estratéxico como o forestal.

No acto, o conselleiro gabou o labor da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e de Ence, lembrando que o acto de hoxe se enmarca no Plan Social que a empresa impulsou coa Xunta de Galicia e que supón un dos principais exemplos de desenvolvemento sustentable e de cohesión na cidade de Pontevedra e na súa contorna. Puxo de relevo que salientar as mellores iniciativas de innovación forestal tanto no ámbito empresarial como no marco dos traballos de fin de mestrado universitario, fin de grao e fin de ciclo superior de FP contribúe a impulsar tanto o emprendemento como a capacitación profesional neste campo co foco posto nas novas xeracións que se están formando nel para aportar un novo xeito de facer as cousas.

Na súa intervención, González quixo destacar o papel primordial do sector forestal no noso rural á hora de xerar actividade económica e emprego de calidade, contribuíndo —ao tempo—a fixar poboación e a dinamizar e protexer o territorio. Para seguir nesa liña, referiuse a medidas autonómicas como a Rede de polos de emprendemento que leva asesorado máis de 4.900 proxectos en toda Galicia e que se seguirá potenciando en beneficio da nosa economía e vertebración do territorio, así como a medidas para reter e atraer talento aos sectores que máis man de obra precisan.

Compromiso da Xunta

Nese senso, o titular de Emprego apostou por unha formación flexible tanto para persoas ocupadas como desempregadas, adaptada á realidade das empresas, coa implantación do futuro decreto de microcredenciais para o traballo como próximo fito ou coa apertura do novo Centro de Formación especializado en novas ocupacións relacionadas coa transición verde e dixital que se proxecta na Cidade das TIC, na Coruña. Tamén por reforzar as políticas de apoio á incorporación de mozos e mozas ao mercado laboral, especialmente no rural, e por seguir potenciando o papel do Servizo Público de Emprego, avanzando na súa modernización.

En paralelo, José González fixo fincapé nas oportunidades que ofrece o retorno dos galegos e galegas do exterior a través da Estratexia Galicia Retorna e, especificamente, de programas como o Retorna Cualifica Emprego, que ten posibilitado o regreso de máis de 340 persoas con traballo. Tamén o avance en liñas de colaboración con terceiros países como Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai co gallo de promover unha migración coas máximas garantías para empresas e traballadores.

Por último, o conselleiro apelou á imprescindible colaboración público-privada, da man de entidades como as cámaras de comercio e de empresas como Ence. Tamén das entidades locais coas que se seguirán promovendo iniciativas de impacto no territorio como os obradoiros de emprego, que en 2026 —dixo— reforzarán o peso do sector forestal.

 

Loading...