Belén do Campo sinalou que estas iniciativas financiadas polo Goberno galego tamén reforzan a colaboración coas entidades locais e permiten que as persoas que participan nelas obteñan un certificado de profesionalidade

O taller de formación estivo organizado polos concellos de Rois, Padrón e Dodro

No marco da convocatoria de obradoiros para persoas mozas deste 2024-2025 desenvolvéronse en Galicia un total de 15 accións cunha aportación do Goberno galego de 6,6M€

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Rois, Ramón Tojo, polos concelleiros de Dodro e Padrón, e polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, puxo en valor o traballo desenvolvido polos 13 alumnas e alumnos que hoxe remataron o obradoiro de emprego para xente moza, Xuventude Terras de Iria, promovido polos concellos de Padrón, Rois e Dodro, un proxecto que durante doce meses combinou formación e práctica profesional no ámbito da promoción turística e do desenvolvemento local.

A representante do Goberno galego destacou que os participantes poñen hoxe punto e final a un ano intenso cheo de aprendizaxe esforzo e ilusión, e subliñou que este programa abre novas portas laborais e ofrece máis ferramentas e experiencia para acceder ao mercado de traballo con garantías.

Grazas a unha achega da Xunta de Galicia superior aos 420.000 euros, este obradoiro fixo posible desenvolver un completo traballo de posta en valor dos recursos turísticos dos tres municipios participantes, elaborando novo material promocional que inclúe un catálogo de imaxes e fotomontaxes, infografías, maquetación editorial e unha nova imaxe corporativa e material gráfico para os concellos de Padrón, Rois e Dodro.

A representante autonómica felicitou aos participantes polo seu labor e destacou que ademais de aprender fixeron unha contribución de gran valor para os seus concellos e para o desenvolvemento turístico da comarca.

O Goberno galego mantén unha aposta firme por este modelo de formación dual que combina teoría e práctica e ofrece vantaxes tanto para o alumnado como para as entidades locais, xa que supón unha formación de calidade con grupos reducidos e acompañamento personalizado, permite obter un certificado de profesionalidade válido en toda España e facilita gañar experiencia laboral mediante un contrato remunerado durante o proceso formativo, ademais de fomentar o espírito emprendedor e ofrecer ferramentas para crear proxectos propios.

Para os concellos, este tipo de programas representan unha peza clave no desenvolvemento local ao permitir realizar actuacións de interese social e comunitario adaptadas ás necesidades da contorna, nun exemplo claro de colaboración institucional eficaz entre a Xunta, que achega o financiamento principal, e as entidades locais, encargadas da organización, da selección de participantes e da execución dos proxectos.

A representante autonómica agradeceu a implicación dos concellos e reiterou o compromiso da Xunta con proxectos que ofrecen novas oportunidades de formación e emprego e que fortalecen o tecido social e económico dos municipios.

Durante o período 2024-2025, a Xunta financia na provincia da Coruña 6 obradoiros de emprego xuvenís cun investimento de 2,5 millóns de euros, e a nivel galego apoia 15 obradoiros para mozos e mozas menores de 30 anos cun investimento global de 6,6 millóns de euros.

Ademais, os concellos de Padrón, Rois e Dodro tamén contaron cun obradoiro de emprego dual 24-25 nas especialidades de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e Operacións Auxiliares de Acabados Ríxidos e Urbanización, cun total de 20 alumnos e unha inversión próxima aos 423.000 euros, o que eleva o investimento nestes dous talleres de emprego a preto de 850.000 euros nestes 3 concellos.

A representante da Xunta destacou que todo o esforzo das administracións non tería sentido sen o compromiso e a implicación dos alumnos e alumnas, cuxa dedicación, vontade de mellorar e confianza no futuro son a mellor demostración de que estes programas funcionan, e engadiu que o esforzo realizado durante o obradoiro terá a súa recompensa porque moitos dos participantes atoparán pronto o emprego desexado xa que saen máis preparados, máis seguros e con moitas máis oportunidades.

Para rematar, subliñou que a Xunta de Galicia seguirá traballando por e para os galegos ampliando as oportunidades de formación, mellorando a empregabilidade e ofrecendo ferramentas que axuden a construír un futuro profesional sólido e cheo de posibilidades, ao tempo que felicitou novamente aos alumnos por todo o que acadaron e lles desexou moito éxito no camiño que comeza hoxe.

Loading...