O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais participou hoxe na Coruña nunha visita institucional a participantes e persoal técnico deste programa, promovido polas fundacións Santa María la Real e Iberdrola España co apoio do Goberno galego
No Centro de Orientación ao Emprendemento, Pablo Fernández salientou que as lanzadeiras de emprego establecidas na Coruña e Redondela estanse traducindo en insercións laborais efectivas grazas a unha orientación actualizada e personalizada
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe nunha visita institucional a participantes e persoal técnico do programa Hubs de activación da empregabilidade, promovido polas fundacións Santa María la Real e Iberdrola España co apoio da Xunta de Galicia. No Centro de Orientación ao Emprendemento, destacou que as lanzadeiras de emprego establecidas na Coruña e Redondela estanse traducindo en insercións laborais efectivas grazas á orientación da que se están a beneficiar colectivos prioritarios como, entre outros, persoas desempregadas de longa duración, as que teñen baixa cualificación, inmigrantes, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, integrantes de fogares con todos os seus membros en paro ou familias monoparentais.
O secretario xeral puxo en valor que as persoas participantes reciben orientación actualizada, guiada por técnicos especialistas e adaptada ás necesidades de cada unha, así como sesións con expertos en emprego verde sustentable, mercado e tendencias laborais, ao tempo que se imparten accións de capacitación dixital ou formación en sectores con alta demanda. O reto é reactivar a súa busca de traballo mellorando a súa empregabilidade botando man de novas técnicas e tendencias do mercado actual.
A actuación ten o propósito de estenderse nos vindeiros anos, combinando —segundo salientou Fernández—o acompañamento personalizado coa interacción grupal, o traballo en competencias transversais e o contacto directo co tecido empresarial. Cómpre engadir que a iniciativa conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e da Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración.