Esta solicitude enmárcase na forte aposta de Galicia a prol dunha formación flexible e á carta das empresas, na que destacan accións como a colaboración con clústeres e entidades para cualificar persoas en sectores estratéxicos
En relación coa execución dos fondos de formación para o emprego, Galicia e outras comunidades reclamaron ao Executivo que respecte os prazos de execución tras cambios unilaterais en relación co pactado en maio que impiden a súa xestión
Segundo as novas condicións que impón o Executivo estatal, estes fondos deberán comprometerse antes de que remate 2025, admitíndose unha prórroga excepcional ata o 30 de xuño de 2026, pese a non terse efectuado aínda o ingreso do crédito
José González advirte de que este cambio nas regras de xogo compromete o desenvolvemento das políticas activas de emprego das diferentes rexións
A Xunta de Galicia trasladou unha vez máis ao Goberno central a necesidade de que flexibilice a xestión dos fondos de formación para o emprego de maneira que unha parte poida ser empregada polo tecido produtivo para adaptar a formación ás súas necesidades de cualificación. Tamén reiterou a solicitude de que atenda ás particularidades de cada autonomía ao establecer os criterios de distribución, tendo en conta que son as que teñen as competencias exclusivas nas políticas activas de emprego. Así o manifestou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, na Conferencia Sectorial de Formación Profesional para persoas traballadoras, na que participou por videoconferencia xunto coa directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado.
Esta solicitude baséase no éxito de Galicia na execución de fondos de formación para o emprego orientados a accións de reciclaxe profesional e á adquisición de novas habilidades e competencias, que lle permitiu obter 7 millóns de euros adicionais -con base ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia-. Uns fondos adicionais que contribúen a seguir potenciando a forte aposta autonómica a prol dunha formación flexible -tanto para persoas ocupadas como desempregadas- e á carta das empresas na liña do que promove a Unión Europea e co fin de cubrir vacantes con maior axilidade.
Dentro deste esforzo, destaca a colaboración da Xunta con clústeres e entidades de sectores estratéxicos da economía, que na última edición permitiu cualificar unhas 17.000 persoas con microformacións e da man das empresas. Outras medidas desta aposta son a nova orde de accións formativas para persoas desempregadas (AFD), dotada con 50 M€ e completamente redeseñada para atender as necesidades reais do tecido produtivo de xeito máis dinámico, ou o futuro decreto de microcredenciais para o traballo. Ademais, a comunidade galega solicita que a flexibilización dos fondos permita adecuar a oferta formativa dos centros de formación para o emprego, incluídos os dependentes do Goberno galego, para adecuar as súas instalacións ás necesidades da oferta formativa.
Execución dos fondos
Nesta conferencia sectorial aprobouse a distribución territorial deste ano de fondos xestionados polas comunidades autónomas no marco dos Programas de cooperación territorial para as accións formativas destinadas a persoas traballadoras. Unha cuestión necesaria, pero na que Galicia discrepa en relación cos prazos de xestión dos fondos finalistas, de feito foi un aspecto que se abordou na conferencia sectorial a petición de Galicia, ademais doutras comunidades autónomas.
Neste sentido, o conselleiro solicitou ao Executivo estatal que respecte os acordos acadados na Comisión Técnica da Conferencia Sectorial de Formación Profesional para Persoas Traballadoras do pasado 22 de maio, tras introducir cambios unilaterais e de última hora nos prazos de xestión dos fondos finalistas de 2025 que fan inviable a súa execución por parte das comunidades autónomas. De feito, segundo este último cambio de criterio, os fondos dos que se aprobou hoxe o reparto deberán estar comprometidos este mesmo ano, admitíndose unha prórroga excepcional ata o 30 de xuño de 2026. Tendo en conta que nin sequera se fixo efectivo o ingreso do crédito ás comunidades autónomas, subliñou González, isto imposibilita, de facto, a súa execución e compromete seriamente o desenvolvemento das políticas activas de emprego en Galicia.
Cambiar as regras do xogo a estas alturas, insistiu o conselleiro, obriga ás comunidades a xustificar en marzo de 2026 non só os fondos correspondentes a 2024, senón tamén os que aínda están pendentes de ingreso en 2025 e cuxa distribución se aprobou hoxe. É absolutamente inasumible e suporía a devolución da práctica totalidade do crédito por inexecución, advertiu José González. Por todo iso, a Xunta e outros gobernos autonómicos solicitaron que o acordo definitivo manteña os termos aprobados en maio. Un aspecto necesario, destacou, para garantir a viabilidade da xestión dos fondos que permita dar continuidade ás políticas activas de emprego autonómicas con base a este financiamento.