Ana Ortiz acudiu ao peche do curso que tivo un investimento de 438.000 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este martes ao alumnado que se formou durante o último ano no obradoiro de garantía xuvenil O noso encontro co emprego. A representante autonómica acudiu á clausura do curso que tivo un investimento de 438.000 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Ana Ortiz felicitou aos participantes por aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo. “Estades ante unha ocasión magnífica para abrir unha ventá ao mercado de traballo, xa que tanto a sociedade como as empresas necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”, destacou.
Desde outubro de 2024 o alumnado recibiu formación en albanelería e carpintería de madeira. Os alumnos de carpintería repararon tres pasarelas no Paseo do Louro, mellorando así a accesibilidade na senda peonil que bordea o río. En canto aos albaneis, encargáronse dos labores de urbanización e pintura na rúa Paralela 3 do Polígono Industrial da Granxa, onde se executaron novas beirarrúas.
A delegada, que estivo acompañada polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e a directora do Obradoiro, Begoña Echegaray, salientou a implicación da administración autonómica coa promoción do emprego na área de Vigo e salientou os estudos impartidos no Porriño. A representante autonómica enfatizou o compromiso do Executivo galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos galegos e galegas, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos.