O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá nas xornadas ‘Ribadeo en rede. Unha mostra de oportunidades que nos unen’, apoiada pola Rede Eusumo
Destacou que o Goberno galego, dentro da súa aposta por fortalecer este modelo económico, destina en 2025 preto de 45 millóns de euros ao impulso da economía social, no marco da Estratexia galega da economía social: Horizonte 2027
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na mesa redonda Proxectos en rede, incluída nas xornadas Ribadeo en rede. Unha mostra de oportunidades que nos unen, unha iniciativa apoiada pola Xunta de Galicia a través da Rede Eusumo e que se desenvolve ata mañá con diversas actividades na Praza de Abastos e na Cofradía de Pescadores.
Durante a súa intervención, Pablo Fernández salientou a importancia da economía social na creación de emprego no ámbito rural e a súa pegada no sector primario, onde o cooperativismo, por exemplo, desempeña un papel fundamental. Destacou tamén que a Xunta, dentro da súa aposta por fortalecer este modelo económico, destina en 2025 preto de 45 millóns de euros ao impulso da economía social, no marco da Estratexia galega da economía social: Horizonte 2027. Ademais, o secretario xeral puxo en valor o labor da Rede Eusumo, que presta apoio directo á creación de emprego sustentado na economía social, asesorando persoas e entidades interesadas en emprender neste ámbito e difundindo fórmulas de negocio colaborativas, mediante accións formativas e encontros como o de Ribadeo.
As xornadas inclúen conversas abertas, showcookings, obradoiros familiares e actuacións musicais, e contan coa participación de profesionais e entidades de referencia arredor da economía social, o desenvolvemento rural e mariñeiro e a innovación territorial, entre outros ámbitos.