O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na apertura do seminario Mulleres STEM, que se celebra no marco dos Energy Days promovidos polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal). Alí, destacou a aposta da Xunta pola empregabilidade feminina en profesións tradicionalmente masculinizadas, materializada en medidas como os 1,7 millóns de euros incluídos este ano no programa Galicia Emprega para impulsar a presenza de mulleres en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido, como o da información e comunicación ou en actividades profesionais científicas e técnicas.

Na súa intervención, o secretario puxo en valor as ponentes da xornada, que compartiron tanto a súa visión sobre o papel das mulleres STEM (acrónimo dos termos en inglés Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) como os retos e oportunidades da transición enerxética desde diferentes ámbitos tecnolóxicos e industriais. Fernández incidiu na importancia de concienciar xa ás novas xeracións de que as profesións deben escollerse en función das habilidades, capacidades ou motivacións, desbotando calquera estereotipo de xénero. Unha prioridade que o Goberno materializa noutras iniciativas como o programa Que non te líen, ti elixes, que vén promovendo nos centros de educación secundaria charlas didácticas e debates dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores con escasa representatividade feminina para reverter esta tendenza.

Loading...