A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na mesa redonda Debate horizontal: o poder da cooperación e a responsabilidade europea no marco do 15º Foro de desenvolvemento de Mazovia, que se celebra no Centro de Conferencias Legia Varsovia e no que tamén participou, entre outros, o presidente da rexión de Mazovia, Adam Struzik. Alí a directora xeral deu conta da experiencia de Galicia como Rexión Emprendedora Europea, xunto con Mazovia, en Polonia, e Krapina Zagorje, en Croacia, polo seu compromiso co emprendemento ligado ao territorio. Neste sentido, Marta Mariño destacou o papel da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta con 15 oficinas distribuídas por todo o territorio galego e que leva atendidos máis de 4.800 proxectos empresariais.
Ademais, explicou que a Estratexia Galicia Rexión Emprendedora Europea 2025 forma parte dunha folla de ruta específica centrada en abordar os retos demográficos, promover unha Galicia verde e sustentable, mellorar a competitividade e o crecemento e fomentar a cohesión social e territorial. Para iso, busca aumentar o número de persoas emprendedoras no rural, diversificar as actividades económicas da rexión e reforzar a colaboración público-privada neste ámbito, entre outros obxectivos. Nesta liña, a directora xeral puxo como exemplo desta aposta o proxecto Fixar para atraer ao rural a nómades dixitais promovendo espazos de coliving e coworking.