A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participa na segunda xornada da Semana Mundial do Espazo en Galicia, enmarcada na Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo da Xunta
Celebrouse na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e contou coa presenza de representantes da Axencia Espacial Europea, do grupo de estudantes UVigo Spacelab e de empresas do sector como Alén Space e GMV
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, Margarita Ardao, participou en Vigo na segunda xornada de actividades da Semana Mundial do Espazo en Galicia, onde puxo en valor as oportunidades profesionais de presente e de futuro que este sector ofrece á mocidade galega.
O programa de actividades da Semana Mundial do Espazo en Galicia enmárcase na Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo da Xunta, que nace coa ambición de aproveitar o escenario que estas industrias ofrecen ás entidades galegas, creando novas opcións profesionais e convertendo estes sectores nunha panca clave para o crecemento económico e a mellora das condicións de vida na rexión.
Na xornada desta mañá, que tivo lugar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, os estudantes asistentes coñeceron a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aerospazo da Xunta de Galicia, da man da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao. Ademais, baixo o título de A excelencia como camiño cara ao Espazo descubriron o traballo do Grupo en Tecnoloxías Aeroespaciais da Universidade de Vigo; o proxecto de UVigo Spacelab, un colectivo de estudantes dedicados ao deseño, fabricación e operación de pequenos satélites e misións espaciais dentro do ámbito educativo; e os diferentes proxectos e oportunidades de emprego das empresas Alén Space e GMV.
Un completo programa de actividades
As actividades da Semana Mundial do Espazo en Galicia desenvolvéronse tamén no día de hoxe na Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela, onde o equipo de Kreios Space falou sobre oportunidades laborais no sector espazo, emprendemento deep-tech e motores satelitais.
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela acolleu onte a primeira das actividades da Semana Mundial do Espazo. Baixo o título de Galicia, territorio espacial permitiu ao estudantado asistente descubrir diferentes solucións espaciais ao servizo dos cidadáns, na intervención de Carlos Fernández de la Peña, CEO de Telespazio Ibérica; e saber máis sobre a tecnoloxía detrás dos drons, co relatorio de Ángel Suárez, da empresa Tecnobit – Grupo Oesía.
O xoves trasladaranse ás instalacións de UARX Space en Nigrán, onde se celebrará un hackaton dirixido a alumnado de ESO de Galicia, no que os participantes terán que construír un satélite a partir dos materiais reciclados facilitados. Nesta actividade colaboran, ademais de UARX Space, Airbus e a Universidade de Vigo.
Unha xornada divulgativa sobre o pasado, presente e futuro da exploración espacial, que terá lugar no Edificio Politécnico do campus de Ourense, pechará o programa de actividades o venres, 10 de outubro. Durante a mesma os participantes coñecerán como o espazo coida da Terra. Nesta última xornada haberá charlas, talleres e exposicións nos que colaboran a Universidade de Vigo, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), Airbus e a asociación Ellas Vuelan Alto.
A Semana Mundial do Espazo celébrase cada ano entre o 4 e o 10 de outubro para conmemorar a escala internacional as contribucións da ciencia e da tecnoloxía espaciais á mellora da condición humana. O lema para este ano, no que están rexistradas máis de 50 actividades en diferentes países do mundo, é Vivir no espazo.