O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na rolda de prensa de presentación da cuarta edición dos Ecommerce Days, unhas xornadas centradas no comercio electrónico e no márketing dixital organizadas polo Clúster do Ecommerce Galego e a plataforma Marketing4eCommerce, que se celebrarán en Pontevedra os días 9 e 10 de outubro co apoio da Xunta de Galicia.

Durante a súa intervención, Pablo Fernández puxo en valor a capacidade desta iniciativa para fortalecer o ecosistema emprendedor galego e favorecer a conexión entre emprendedores, marcas e axencias do sector. Segundo explicou, encontros como os Ecommerce Days contribúen a que Galicia siga avanzando cara a un modelo económico innovador e aberto á dixitalización. O secretario xeral lembrou tamén que, no marco do compromiso da Xunta coa competitividade e o impulso ao tecido emprendedor, está en marcha a segunda edición da aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce. Este programa, desenvolvido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración co Clúster do Ecommerce Galego ao abeiro da Rede de polos de emprendemento, permite ás persoas participantes recibir formación e mentorización especializadas en comercio electrónico, con obradoiros prácticos, titorización personalizada e sesións formativas a cargo de profesionais do sector, co obxectivo de lanzar, xestionar e consolidar con éxito os seus negocios en liña.

Loading...