O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu hoxe á inauguración do festival Monterrei Reverdece, que une a IV Festa da Vendima deste concello e a XL Xuntanza Internacional de Gaiteiros, ambos eventos adiados no seu momento polos incendios forestais e onde tamén estivo o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez. Alí o conselleiro manifestou o apoio da Xunta ás persoas afectadas, no caso dos profesionais autónomos e ás pequenas empresas que viron afectada a súa actividade polos incendios, acompañándoos na súa recuperación e ofrecendo instrumentos que reforcen a súa competitividade.

Ademais, puxo en valor o potencial do sector vitivinícola na prevención dos lumes e na xeración de emprego rural e de riqueza na provincia de Ourense, así como no emprendemento ligado ao territorio. De feito, eventos como a Festa da Vendima reflicten a capacidade deste sector para preservar a identidade local, aproveitando os recursos propios. Un sector, que tamén é dos máis representativos do cooperativismo en Galicia, ámbito no que a Xunta avanza tramitación do anteproxecto da nova Lei de Cooperativas de Galicia, que está en fase de exposición pública, co obxectivo da súa aprobación definitiva nos vindeiros meses.

Loading...