José González subliñou o compromiso con seguir impulsando novas oportunidades profesionais para os máis novos, tanto por conta propia como allea, como factor estratéxico para o desenvolvemento do tecido socioeconómico de Galicia

Destacou que a Xunta pon a disposición das persoas emprendedoras o apoio e asesoramento da Rede de polos, cuxas oficinas da provincia de Ourense xa contribuíron á creación de preto de 110 negocios

Reiterou o compromiso co tecido autónomo incidindo que entre 2020 e 2024, os profesionais ourensáns beneficiáronse de máis de 20 millóns de euros en liñas de axuda específicas e noutras medidas de apoio ao emprendemento

Sinalou a importancia da colaboración público-privada para fortalecer o ecosistema emprendedor galego, salientando o papel de entidades como AJE Galicia e AJE Ourense, e a importancia de ser unha administración facilitadora

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e da directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, participou hoxe na XIV edición dos Premios AJE Ourense, acto no que entregou o Premio Iniciativa Xove Empresario. Durante a súa intervención, González salientou o dinamismo da mocidade emprendedora ourensá e o compromiso da Xunta con seguir impulsando novas oportunidades profesionais para a mocidade galega, subliñando a importancia de potenciar e reter talento, tanto por conta propia como allea, como factor estratéxico para o desenvolvemento do tecido socioeconómico de Galicia.

No evento, o conselleiro puxo en valor o labor de AJE Ourense pola súa contribución ao fomento da cultura emprendedora e da vocación empresarial na provincia, unha prioridade compartida co Goberno galego. Neste sentido, reafirmou a aposta da Xunta por impulsar un emprendemento ligado ao territorio, facilitando á mocidade todas as ferramentas necesarias para poñer en marcha os seus propios proxectos. Entre elas, destacou a Rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego, que leva atendidos máis de 900 proxectos en Ourense —a través das oficinas do Carballiño, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras e Verín— e contribuíu á creación de preto de 110 negocios Ademais referiuse á implicación do coliving de Sende, en Lobeira, no proxecto Fixar, orientado a atraer nómades dixitais ao rural galego e fixar poboación.

Así mesmo, incidiu en que o compromiso do Executivo autonómico co impulso das oportunidades profesionais da mocidade é absoluto. Proba diso son os datos de paro coñecidos hoxe, nos que Galicia rexistrou en setembro a cifra de desemprego máis baixa entre menores de 30 anos desde que existen estatísticas, cun total de 13.125 persoas. En termos xerais, subliñou que Ourense —igual que o conxunto da Comunidade— acada tamén o nivel de desemprego máis reducido nun mes de setembro desde o inicio da serie, cun descenso interanual do -5,38 % a nivel provincial. Ademais, Ourense alcanza 109.182 afiliacións, a cifra máis alta neste mes desde o ano 2009.

Apoio ao colectivo autónomo e colaboración público-privada

O conselleiro reiterou o compromiso co tecido autónomo. Así, incidiu que entre 2020 e 2024, os profesionais ourensáns beneficiáronse de máis de 20 millóns de euros en liñas de axuda específicas e noutras medidas de apoio ao emprendemento.

José González concluíu subliñando que a colaboración público-privada con entidades como AJE Galicia e AJE Ourense resulta esencial para consolidar o desenvolvemento empresarial. Neste marco, destacou que a Xunta quere actuar como unha administración facilitadora, reducindo trabas burocráticas e acompañando a autónomos e pemes nos desafíos que afrontan nun contexto crecente de esixencias, garantindo que a remuda xeracional se converta nunha oportunidade real para o futuro do tecido produtivo galego.

Loading...