A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na xuntanza organizada polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo en colaboración cos organismos competentes das distintas autonomías

Esta reunión enmárcase na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, que recolle o reforzo do diálogo técnico, a actualización normativa e a implicación en órganos interautonómicos para avanzar na prevención

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participa hoxe na reunión da Rede Interterritorial de Seguridade e Saúde no Traballo que se celebra en Zamora. En concreto, Galicia está representada pola xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, e pola subdirectora xeral técnica, Encarnación Sousa.

A sesión tivo por finalidade fortalecer a coordinación entre os territorios en materia de prevención de riscos laborais, favorecendo tanto o intercambio técnico como a harmonización normativa e de boas prácticas. Así, esta reunión enmárcase nos obxectivos centrais da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, elaborada polo Issga e aprobada coa participación dos axentes sociais. Unha estratexia que recolle o reforzo do diálogo técnico, a actualización normativa e a implicación en órganos interautonómicos para avanzar cara a un marco preventivo moderno e eficaz.

Orde do día

Un dos puntos centrais da orde do día centrouse no estado de situación dos grupos de traballo da Rede Interterritorial de Seguridade e Saúde no Traballo. Estes grupos funcionan como espazos técnicos de coordinación e actualización e teñen como obxectivo analizar as últimas novidades normativas e técnicas no ámbito da seguridade e saúde no traballo, para incorporalas aos plans e políticas autonómicos e garantir unha resposta adaptada ás transformacións do mundo laboral.

Galicia, a través do Issga, participa en trece grupos de traballo desta Rede, como os de límites de exposición profesional (LEP), análise da mortalidade por accidentes de traballo, prevención, investigación de enfermidades profesionais, axentes canceríxenos, xestión de riscos psicosociais, calidade dos servizos de prevención, integración da perspectiva de xénero, amianto ou a Investigación de accidentes de traballo, etc.

A implicación nestes foros permite que o Instituto galego non só reciba as súas conclusións e recomendacións, senón que participe activamente nas propostas técnicas e normativas, e incida no deseño de políticas preventivas de ámbito nacional tendo en conta as particularidades do noso tecido produtivo.

Ademais, esta presenza alíñase coa estratexia autonómica para reducir a sinistralidade laboral e adaptar a prevención de riscos aos retos contemporáneos, como as novas formas de traballo, a incorporación de tecnoloxías avanzadas (Intelixencia Artificial, Internet das cousas, plataformas dixitais), e a atención ás dimensións psicosociais e de xénero no ámbito laboral.

Con esta participación activa, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia reafirma o seu papel estratéxico como órgano técnico galego de referencia en prevención de riscos laborais, co obxectivo de trasladar ás empresas da Comunidade as mellores prácticas, estimular a innovación preventiva e consolidar unha cultura de seguridade duradeira.

Loading...