O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, inaugurou a xornada ‘Tendencias en bioeconomía’, na que se deron a coñecer as liñas mestras desta iniciativa candidata ao programa Interreg España-Portugal (Poctep)

O obxectivo é reforzar o ecosistema transfronteirizo de apoio ao emprendemento en bioeconomía mediante a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal

Pablo Fernández destacou que representa unha oportunidade estratéxica para Galicia no contexto da transición ecolóxica, ao permitir fortalecer e diversificar o ecosistema de emprendemento galego

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, que clausurou a xornada, puxo en valor as sinerxías do proxecto con outras iniciativas como a Rede de polos ou o pulo a fórmulas de economía social como o cooperativismo

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC na inauguración da xornada Tendencias en bioeconomía, un encontro no que se abordou a capacidade da bioeconomía para impulsar o emprendemento e no que se presentou tamén a candidatura do proxecto GreenSeed ao programa Interreg España-Portugal (Poctep) a través dun consorcio liderado pola Xunta.

A iniciativa, orientada a reforzar o ecosistema transfronteirizo de apoio ao emprendemento en bioeconomía mediante a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal, ten como socios galegos a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Juana de Vega, así como a Comunidade Intermunicipal do Alto Tâmega e Barroso (Cimat), a Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega (Adrat) e o Instituto Politécnico de Bragança na parte portuguesa.

No marco da súa intervención, Pablo Fernández subliñou a relevancia desta proposta como motor de creación de emprego de calidade e de atracción e retención de talento innovador vinculado ao territorio. Destacou ademais que a bioeconomía representa unha oportunidade estratéxica para Galicia no contexto da transición ecolóxica, ao permitir fortalecer e diversificar o ecosistema de emprendemento galego e poñer en valor os recursos dispoñibles ao servizo das persoas emprendedoras.

Pola súa parte, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou na clausura da xornada, onde puxo en valor as sinerxías do proxecto con outras iniciativas impulsadas polo Goberno galego, como a Rede de polos de emprendemento —con máis de 4.800 proxectos atendidos nas quince oficinas activas en toda Galicia— ou o apoio ás fórmulas de economía social, entre elas o cooperativismo.

Proxecto GreenSedd

A candidatura GreenSeed buscará centrar os seus esforzos en sectores clave como o agroecolóxico, o alimentario, o forestal ou o bioenerxético, co obxectivo de desenvolverse en catro áreas piloto situadas a ambos lados da fronteira. A través destas zonas de referencia, o proxecto procurará consolidar ecosistemas territoriais de apoio ao emprendemento en bioeconomía mediante o mapeo e dinamización de axentes locais, a formación especializada e a transferencia de coñecemento a través dunha academia virtual transfronteiriza, a creación de espazos colaborativos de mentoría e experimentación, así como a posta en marcha de ferramentas innovadoras como a plataforma dixital aberta Data Terra.

O conxunto das actuacións culminará na elaboración dun Plan Director de cooperación transfronteiriza que servirá de folla de ruta para consolidar un ecosistema sólido de apoio ao emprendemento en bioeconomía, capaz de impulsar novas iniciativas empresariais e produtivas ao servizo da transición verde.

Loading...