O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na presentación do convenio de colaboración entre ambas partes para o desenvolvemento desta iniciativa, da que hoxe se celebra a primeira reunión da Comisión Técnica de Seguimento
José González subliñou que se trata dun paso máis na colaboración público-privada en materia de prevención de riscos laborais no sector da construción, ao que se engade a cooperación noutros ámbitos como o da formación flexible para o emprego
Salientou que este proxecto inclúe novidades pioneiras como a elaboración dun plan piloto de asesoramento para obras sen proxecto, de carácter preventivo e cun equipo especializado que percorrerá Galicia detectando deficiencias e ofrecendo solucións
Agradeceu o labor das persoas deste proxecto, que se apoian nas novas tecnoloxías, como o dron para reforzar por vía aérea as inspeccións de seguridade laboral do que se realizou unha demostración sobre o seu funcionamento
Benseguro enmárcase na planificación estratéxica que o Goberno galego desenvolve neste eido coa Estratexia de seguridade e saúde laboral de Galicia: horizonte 2027
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe no acto de posta en marcha do proxecto pioneiro en España, Benseguro, orientado a minimizar a sinistralidade laboral no sector da construción, con especial atención nas obras menores e que é froito da colaboración entre o Goberno galego e a Fundación Laboral para a Construción. Ao abeiro da sinatura do convenio desta colaboración, hoxe tamén se constituirá e celebrará a primeira reunión da Comisión Técnica de Seguimento da Seguridade e Saúde Laboral no sector.
Esta comisión está formada por representantes da Consellería, do Issga e da Fundación Laboral da Construción, a través do Consello Territorial de Galicia, no que tamén están representados os axentes sociais do sector, e reunirase periodicamente co obxectivo de analizar as cifras de sinistralidade, avaliar as actuacións do proxecto e definir estratexias para mellorar as condicións de seguridade nas obras. Neste sentido, o conselleiro subliñou que se trata dun paso máis na colaboración público-privada en materia de prevención de riscos laborais no sector da construción, ao que se engade a cooperación noutros ámbitos como o da formación flexible para o emprego, de curta duración e á carta das empresas.
Segundo explicou José González, Benseguro incide na intervención directa enfocada na prevención, o que permite actuar directamente nos lugares onde se producen os riscos, complementándose cunha campaña de concienciación social centrada en promover a importancia da contratación responsable e segura. Salientou que isto é posible grazas ao labor das persoas que forman parte deste proxecto, que se apoian nas bondades das novas tecnoloxías, como o dron para reforzar por vía aérea as inspeccións de seguridade laboral do que se realizou unha demostración sobre o seu funcionamento.
Esta demostración foi o peche do acto, ao que tamén asistiron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández e a xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja e nel tamén participou o xerente do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral da Construción, Fernando García, así como varios membros da Fundación Laboral para a Construción.

Detalles do proxecto
Este proxecto conta cun investimento total de 200.000 euros, dos cales a Xunta achega 120.000 euros e a Fundación o 40 % restante e a vixencia da colaboración estenderase ata o 30 de xuño de 2026 sendo prorrogable ata un máximo de 4 anos. Entre as principais novidades que supón Benseguro destaca un pioneiro plan piloto de asesoramento para obras sen proxecto, de carácter preventivo e que contará cun equipo técnico encargado de detectar por toda Galicia aquelas que non cumpran coa normativa en materia de seguridade laboral e de ofrecer in situ solucións axeitadas. Tamén abarca a elaboración dun Plan de concienciación social para sensibilizar á sociedade e informar sobre as responsabilidades das persoas que contratan e outras accións complementarias como a elaboración dun mapa de riscos químicos no sector, campañas e xornadas de promoción da saúde laboral e sesións técnicas en colaboración co Issga.
Compromiso coa seguridade e a saúde no traballo
Benseguro enmárcase na planificación estratéxica que Galicia está a desenvolver neste eido a través da Estratexia de seguridade e saúde laboral de Galicia: horizonte 2027. Esta ferramenta conta cun orzamento de preto de 56M€ e con ela a Xunta busca dar resposta aos novos desafíos que xorden da transformación no mundo do traballo, tendo en conta tamén os riscos tradicionais aos que se debe dar solución. As accións neste eido concrétanse cada ano no plan de actuación do Issga, co que no ámbito da construción se continúa avanzando en materia de prevención dentro do grupo de traballo deste sector.
