A delegada da Xunta participou na clausura deste taller de formación que contou cun apoio do Goberno galego de máis de 423.000 euros
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na clausura do obradoiro de emprego de Santiago de Compostela.
No taller de formación Parque Forestal de Autóctonas de Monte Pedroso formáronse a 18 alumnos en dúas especialidades con alta demanda de emprego repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e en confección e elaboración de páxinas web.
Concretamente, os alumnos da primeira especialidade levaron a cabo a repoboación do parque forestal autóctono de Monte Pedroso e os da segunda a elaboración e mantemento da páxina web “Sendeirismo e natureza”. Concretamente, no Monte Pedroso actuouse en seis parcelas municipais coa plantación de carballos, mantemento de soutos e castaños e a eliminación de acacias. Ademais, leváronse a cabo traballos de podas, rozas, clareos e apertura de tres sendas. En canto á páxina web Belén do Campo puntualizou que foi unha ferramenta para capacitar ás persoas participantes no deseño e creación da páxina web para identificar e difundir información sobre os roteiros de sendeirismo para poñer en contacto aos cidadáns e aos visitantes cos valores naturais do entorno.
Belén do Campo sinalou que “toda esta experiencia resulta esencial para dotar de formación e práctica laboral ás persoas desempregadas participantes, co gallo de dinamizar a contorna na que viven ao tempo que se fortalecen sectores económicos fundamentais”. Dentro do compromiso da Xunta co emprego a delegada anunciou que antes de finais de ano se convocará unha nova edición dos obradoiros para os concellos que o soliciten.

Obradoiro Garantía Xuvenil 24-25
Ademais, a delegada lembrou que nuns días tamén se clausurará o obradoiro de Garantía Xuvenil Genius, para 16 mozas a mozos, que contou cun apoio da Xunta de case 440.000 euros e que se centrou en desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos
Obradoiros 24-25
A representante do Goberno autonómico informou que na provincia da Coruña están aprobados 23 obradoiros de emprego duais, grazas a un investimento de máis de 9,3 millóns de euros para formar 440 persoas sen traballo. E na comarca de Santiago ademais do clausurado hoxe na cidade, contaron con outros dos talleres de formación en Ames con Brión, xa clausurado, e en Val do Dubra con A Baña, Negreira e Santa Comba, que se clausura hoxe. Os tres obradoiros formaron a 60 desempregados cun apoio do Goberno galego de case 1,3 millóns de euros.
Finalmente, Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo.
Na convocatoria de 2024-2025, ofrecéronse 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna. O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, obtén un certificado de profesionalidade.
Cómpre engadir que, dentro destes obradoiros duais, o Goberno galego subvenciona os gastos da posta en marcha e desenvolvemento do taller e dos custos de contratación tanto das persoas participantes, como do persoal directivo, docente e de apoio. De cara á selección de alumnos-traballadores, priorízase a atención ás persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas, emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional.
Belén do Campo destacou que a finalidade deste programa que desenvolve a Xunta é brindar ás persoas participantes ferramentas para reforzar habilidades e competencias que respondan ás demandas do mercado laboral e lle permitan obter un emprego de calidade.
