Anunciouno o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, que hoxe visitou en Nigrán a cooperativa Donde viven los cuentos en compañía da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño

Destacou que a nova norma contribuirá a seguir potenciando un sector que supera as 2.000 cooperativas activas e emprega a 78.000 persoas, entre socios e traballadores

A Xunta de Galicia acaba de sacar a exposición pública a nova Lei de Cooperativas, que busca impulsar actividades estratéxicas como os coidados, a enerxía ou a vivenda e simplificar trámites. Anunciouno hoxe en Nigrán o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, que en compañía da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou a cooperativa Donde viven los cuentos, apoiada polo Goberno galego no marco do programa Aprol Economía Social que destina este ano 5 millóns de euros a fomentar o emprego e a mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais.

Segundo destacou o secretario xeral, a nova norma persegue unha maior seguridade xurídica e ferramentas máis claras e adaptadas á nova realidade socioeconómica. Así, incorpora medidas de simplificación administrativa e de reforzo da dixitalización e profesionalización do sector para facilitar tanto a creación e posta en marcha de novas cooperativas como a xestión e consolidación das existentes.

Deste xeito, a futura Lei de cooperativas permitirá seguir reforzando un sector en pleno auxe, con máis de 2.000 cooperativas activas (un 40 % máis que hai tan só cinco anos), cun volume de negocio de 3.500 millóns de euros anuais (máis do 5 % do PIB galego) e que proporciona emprego a máis de 78.000 persoas, entre socios e traballadores por conta allea.

Novas tipoloxías de cooperativas

A nova norma —cuxo anteproxecto se elaborou en pleno consenso co sector— establece por primeira vez un marco específico para as cooperativas de traballo asociado no sector dos coidados, orientadas á prestación de servizos a persoas maiores, con discapacidade ou en situación de dependencia, entre outros colectivos vulnerables. Outra novidade son as cooperativas de enerxía —tanto de xeración e/ou almacenamento como de consumo—, que permitirán afrontar os custos enerxéticos nos pequenos núcleos e promover un desenvolvemento sostible das economías locais.

A maiores, recóllense novas fórmulas cooperativas vinculadas a inmobles destinados a actividades económicas, como residencias da terceira idade ou estudantes, co gallo de ofrecer unha solución de habitabilidade temporal a prezo de custo; e clarifícase a normativa das de vivenda en aras de maior seguridade e protección dos socios. A norma introduce tamén melloras noutras xa incluídas na lei anterior, como transporte, ensino, consumo ou inclusión social.

Loading...