Cunha oferta de 2.706 prazas, 141 cursos e 7.578 horas formativas, José González destacou que o esforzo orzamentario neste centro aumenta dos 2,1 aos 2,7 millóns de euros, por consideralo fundamental para consolidar un sector estratéxico
Priorízanse as propostas en ciberseguridade, desenvolvemento, servizos na nube, ciencia de datos, Intelixencia Artificial, xestión avanzada de proxectos TI ou xestión avanzada de sistemas, tanto para persoas desempregadas como ocupadas
O conselleiro salientou o compromiso da Xunta coa flexibilización da formación para o emprego, con ferramentas como o futuro decreto de microcredenciais, para adaptarse ás necesidades concretas das empresas e cubrir as vacantes existentes
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e polo director do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), Carlos Vázquez, participou hoxe no acto de presentación da oferta formativa que se impartirá neste centro durante o presente curso 2025-2026 e que ten como obxectivo dar resposta á alta demanda de talento especializado nun sector que cualificou como estratéxico. Nesa liña, destacou que o esforzo orzamentario no CNTG elevouse dos 2,1 aos 2,7 M€ para posibilitar unha programación que se incrementa ata os 141 cursos con 2.706 prazas. Unha suba que no caso das horas formativas acada mesmo o 31,5 % de aumento: 7.578 horas, fronte ás 5.760 do curso 2024-2025.
Segundo resaltou o conselleiro, a oferta formativa foi deseñada tendo en conta a análise e demanda do propio sector TIC galego, priorizando así as propostas en ciberseguridade, desenvolvemento, servizos na nube, ciencia de datos, Intelixencia Artificial, xestión avanzada de proxectos TI ou xestión avanzada de sistemas. Unhas propostas dirixidas tanto a persoas traballadoras que desexan reciclarse como a desempregadas con interese en incorporarse a este eido económico en constante evolución.
Esta programación, segundo destacou, vén precedida do éxito da anterior, cando se acadaron os 6.660 candidatos, isto é, case tres candidatos para cada unha das preto de 2.300 prazas ofertadas. Cómpre engadir que a valoración do alumnado sobre a calidade dos cursos, dos docentes e da organización do centro se situou nun 9,07 sobre 10.
Na súa intervención, González enmarcou a oferta do CNTG na aposta firme da Xunta por profundar neste tipo de contidos co gallo de mellorar as oportunidades profesionais, como tamén o fai —recordou— o acordo asinado con Microsoft para formar en IA nun ano ata 45.000 mozas e mozos menores de 35 anos. Todo, segundo dixo, co afán por adaptarse ás necesidades concretas das empresas e cubrir as vacantes laborais existentes.

Flexibilización da formación para o emprego
O conselleiro puxo o foco así na necesidade de flexibilizar a formación para o emprego, buscando que sexa máis áxil, máis inmediata e que estea sincronizada coas necesidades reais de talento do tecido produtivo. Fixo fincapé na aposta pioneira polas microformacións con ferramentas como o futuro decreto de microcredenciais para o traballo, que se atopa en fase de consulta pública para que as empresas trasladen as súas propostas.
O titular de Emprego referiuse a outras accións vixentes como os Bonos Talento Empresa (2 M€) para apoiar accións formativas de curta duración e de carácter non formal ou a convocatoria de accións formativas para persoas desempregadas, dotada con 50 millóns e completamente redeseñada para atender de xeito eficaz as demandas das empresas.
Segundo salientou, este compromiso compleméntase tamén co impulso e modernización que se está realizando no Servizo Público de Emprego de Galicia e que —a través precisamente dunha ferramenta tecnolóxica como o software EMi— ten permitido realizar desde setembro do ano pasado o perfilado competencial de máis de 76.400 persoas para mellorar a súa empregabilidade e axudar ás empresas a localizar os perfís que necesitan, superando o obxectivo marcado de 70.000 nun ano.