O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na clausura do proxecto, no que participan outros sete concellos lucenses e cinco ourensáns

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe “o éxito notorio” do Programa Integrado de Emprego (PIE) que lidera Chantada, que logrou unha taxa de inserción laboral do 74%, “dato que posiblemente siga medrando nos vindeiros meses grazas á formación e asesoramento recibido polos participantes”.

Arias interveu hoxe na clausura do proxecto, financiado con 220.000 euros pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e no que participaron outros doce concellos da contorna: os lucenses Pantón, Bóveda, Paradela, O Saviñao, Sober, Taboada e Carballedo, xunto cos ourensáns Coles, A Peroxa, San Cristovo de Cea, Vilamarín e Amoeiro.

En total atenderon a 100 traballadores desempregados; 58 corresponden a Chantada e 48 deles xa obtiveron un emprego. As porcentaxes de integración no mercado de traballo son igualmente elevadas no resto de municipios.

O delegado explicou que “estes resultados débense en boa medida a que os promotores planifican as actuacións tendo en conta os perfís das persoas ás que van destinadas e as demandas do tecido empresarial local”.

Os participantes reciben durante un ano asesoramento e orientación personalizadas, así como formación en distintas especialidades. Neste caso ofertáronse 14 cursos, figurando entre os máis demandados os de manipulador de alimentos, limpeza en centros escolares e condutor de carretillas elevadoras, e os de teleformación sobre emprendemento e acompañante de transporte escolar. Ademais, 19 persoas fixeron prácticas en empresas da zona e moitas delas continuaron cun contrato de traballo ao rematalas.

Na provincia de Lugo desenvolvéronse ao abeiro da convocatoria do 2024 tres iniciativas que involucraron a case unha trintena de concellos e outras dúas promovidas pola Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (Feafes) e a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL) respectivamente. Sumaron un investimento de 1,1 millóns de euros.

A Consellería está tramitando as solicitudes da convocatoria actual -publicada no mes de xullo-, que no conxunto de Galicia suporá un investimento próximo aos 10,3 millóns de euros para máis de 40 proxectos, impulsados tanto por entidades locais como por organizacións sen ánimo de lucro. Como novidade, resérvanse por primeira vez 2 millóns de euros para plans enfocados en persoas maiores de 52 anos.

 

Loading...