A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou na inauguración das xornadas ‘Entrelazar’, que se celebran ata o domingo en San Cristovo de Mouricios centradas no oficio da cestería e na relación entre material, territorio e artesanía

Entre os poñentes atópanse respresentantes de Loewe, da Fundación Culturas Constructivas Tradicionales, Aldanondoyfez, Álvaro M. Leiro ou a artista Rosana Escobar, docente do taller complementario que se desenvolveu ao longo da semana

Elena Fabeiro destacou a aposta da Xunta polo apoio á innovación na artesanía baseada nos oficios tradicionais e no rural, así como na remuda xeracional en oficios como a cestería

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou está mañá na inaguración das xornadas Entrelazar, impulsadas pola Xunta, que se celebran ata o domingo no Espazo Vilaseco dos Casares, en San Cristovo de Mouricios (Chantada). Estas xornadas, que están comisariadas pola deseñadora e investigadora téxtil Inés Sistiaga, céntranse no oficio da cestería dende unha visión transversal e na relación entre o material, o territorio e a creación da artesanía contemporánea. Entre os asistentes inscritos atópanse profesionais dos ámbitos da artesanía, da universidade, do deseño e da arquitectura.

Entrelazar é a terceira edición dunha iniciativa posta en marcha a través da Fundación Artesanía de Galicia no ano 2023 en Mouricios co obxectivo de contribuír á modernización e á innovación no sector artesanal galego tomando como base os oficios tradicionais, os recursos locais, os novos materiais e a contorna rural.

Tras a intervención da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, tiveron lugar as presentacións a cargo de Inés Sistiaga e posteriormente da artista téxtil Rosana Escobar (Colombia), que foi a docente do taller Circula o territorio a través das mans, que complementou as xornadas e que se desenvolveu entre o luns 22 e o venres 26 no mesmo espazo dos Casares. Rosana Escobar desenvolve a súa práctica entre Colombia e Europa, onde comeza e remata a vida útil do fique –unha planta endémica de Colombia empregada principalmente para a produción de costais de café— creando unha ponte que facilita diálogos e explora escenarios onde se atopan a artesanía local, o mercado global, a arte, o deseño e a industria.

Programa

A primeira das mesas de debate, Material. Contexto e territorio, contou coa participación de tres cesteiros expertos: Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), Belén Martínez da marca Casa Atlântica (Redondela) e Jorge Filipe de Sá Pinheiro (Viana do Castelo / O Carballiño), e estivo moderada polo ceramista e arquitecto Carlos Jiménez (Murcia). A xornada do sábado remata esta tarde coa mesa Oficio. Artesanía e Industria na que participarán o cesteiro Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), Catuxa Fernández da marca de calzado artesanal Aldanondoyfez (Barcelona) e Enrique de Santiago, senior project manager en Loewe (Madrid). A mesa estará moderada pola analista de tendencias, creatividade e futuro Francesca Tur (Ibiza).

O domingo pola mañá terán lugar as outras dúas mesas de debate. A tecedeira, historiadora e comisaria de exposicións Lala de Dios (Madrid) encargarase de moderar a mesa Tempo. Usos históricos, na que participarán Alejandro García Hermida (Madrid), María Martín Seijo (Santiago de Compostela) e Amelie Aranguren en representación de Paisanaje, grupo de exploración e acción que aborda a crise ecosocial dende a arte (Madrid). As xornadas rematan coa mesa Experimento. Busca material, na que participarán Belén Cabello e Marta Moya en representación de Fondo Supper Club (Madrid) —un estudo de deseño gastronómico que investiga teoría contemporánea e prácticas artísticas a través da comida— e Stef Silva e Paula Martín, de Invisible Lab (Madrid) —un laboratorio de investigación, prospectiva e deseño—. A mesa estará moderada por Raquel Buj, arquitecta e investigadora de materiais.

Fibranzas

Durante a súa intervención, Elena Fabeiro destacou a aposta que está a realizar a Xunta dende o ano 2023 para contribuír á remuda xeracional nos oficios máis tradicionais a través de iniciativas coma o programa formativo Aprender da tradición. Oficios e técnicas dirixido tanto a mellorar a profesionalización de artesáns en activo como á atracción de talento mozo. Neste sentido salientou o curso Fibranzas. Laboratorio de fibras vexetais, enfocado na divulgación e na transmisión dos oficios da cestería e dos labores de palla, que se celebra en Mouricios dende o mes de febreiro e ata finais de ano. Nesta iniciativa están a participar como docentes recoñecidos cesteiros, deseñadores e artistas que están permitindo abordar o proceso completo, desde a obtención das fibras vexetais ata o deseño de produto e a produción artística, pasando polas técnicas de cestería tradicional.

Loading...