O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou na inauguración da Xornada Galega PRL, organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña xunto coas tres universidades públicas galegas
Puxo en valor o traballo que se realiza a diario polo persoal técnico dos servizos de prevención, empresas, mutuas, universidades e tamén desde o propio Issga, impulsando a mellora continua das políticas preventivas no eido da seguridade laboral
Destacou o compromiso do Goberno galego coa seguridade e saúde laboral a través de instrumentos consensuados no diálogo social, como a Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia Horizonte 2027, dotada de preto de 56 millóns de euros
Incidiu en que o plan anual do Issga —cuxa xerente, Adela Quinzá-Torroja, clausurará a xornada de hoxe— pon o foco na prevención, formación e asesoramento técnico nos sectores de maior risco para sensibilizar e informar a traballadores e empresas
Así mesmo salientou que a necesidade de que o Goberno central teña en conta ás autoridades laborais das diferentes comunidades autónomas e aos seus organismos técnicos no marco do proceso de reforma normativa da lei PRL
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na inauguración da Xornada Galega PRL: Universidade e empresa ante os retos preventivos, organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña en colaboración coas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. O encontro tivo como obxectivo reforzar a cooperación entre o ámbito académico, o empresarial e a administración pública na xestión preventiva dos riscos laborais en Galicia.
Fernández destacou a importancia deste foro -que clausurará a xerente do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, Adela Quinzá-Torroja- é unha oportunidade para poñer en valor o traballo que se realiza a diario polo persoal técnico dos servizos de prevención, empresas, mutuas, universidades e tamén desde o propio Issga. Tamén agradeceu o esforzo do tecido empresarial galego para mellorar as condicións de seguridade aplicando o coñecemento xerado dende as universidades e co apoio das políticas da Xunta nesta materia, como a promoción dos gabinetes de seguridade e saúde laboral.
O secretario xeral puxo de relevo que a xornada se celebre nun marco universitario, reunindo as tres universidades públicas galegas, xeradoras e transmisoras de coñecemento, e completando este ámbito técnico-científico coa presenza da Confederación de Empresarios da Coruña, APROSAL e Avanta Prevención. Esta xuntanza, explicou, amosa que existe unha mesma sensibilidade ante o que é o primeiro chanzo dun emprego de calidade: evitar ou minimizar ao máximo os riscos laborais a través dunha adecuada xestión preventiva, afirmou.
Así mesmo, Fernández destacou que a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral: Horizonte 2027 impulsada pola Xunta, ten precisamente como un dos seus obxectivos principais afianzar alianzas entre universidades, asociacións profesionais e científicas e interlocutores sociais para compartir coñecementos, recursos e boas prácticas e fomentar unha cultura preventiva en Galicia que contribúa non só a reducir a sinistralidade senón tamén a promover e avanzar no benestar laboral.
Finalmente salientou que a necesidade de que o Goberno central teña en conta ás autoridades laborais das diferentes comunidades autónomas e aos seus organismos técnicos no proceso de reforma normativa da lei PRL.

Compromiso coa seguridade laboral
Pablo Fernández incidiu en que Galicia conta con dous instrumentos clave, froito do consenso coas organizacións sindicais e co tecido empresarial. A nivel global, a Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia: Horizonte 2027, con preto de 56 millóns de euros de investimento, marca a folla de ruta a medio prazo, que se concreta cada ano no plan anual do Issga. Este pon o foco, entre outras cuestións, en campañas de prevención, formación e asesoramento técnico nos sectores e actividades de maior risco e sinistralidade, así como medidas relacionadas con riscos emerxentes derivados da evolución demográfica, tecnolóxica e das novas formas de organización do traballo. Nesta liña enmarcou as campañas e documentos técnicos de apoio ás pemes e a creación do Laboratorio de riscos psicosociais en colaboración coa USC.