A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse hoxe ata San Cristovo de Mouricios (Chantada) para pechar o taller ‘Circula o territorio a través das mans’ que impartiu durante toda esta semana a artista colombiana Rosana Escobar
Esta inciativa enmárcase nas xornadas ‘Entrelazar’, centradas no oficio da cestería e que se desenvolverán no Espazo Vilaseco dos Casares esta fin de semana
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse hoxe ata o Espazo Vilaseco dos Casares, en San Cristovo de Mouricios, para pechar o taller de formación Circula o territorio a través das mans, impulsado pola Xunta e enmarcado nas Xornadas Entrelazar que se celebran mañá sábado 27 e o domingo 28 de setembro na mesma localización. O taller, que se desenvolveu ao longo de toda esta semana, estivo impartido pola artista téxtil Rosana Escolar (Colombia), en colaboración con Idoia Cuesta e Jorge Filipe de Sá Pinheiro.
O obxectivo deste taller era reinterpretar o liño e o vimbio cultivado en Mouricios coa intención de buscar expresións artísticas que vaian máis alá do utilitario e cun enfoque que pon o material como protagonista conectando coa contorna e coa riqueza dos procesos. Durante o curso exploráronse os materiais como parte dun ecosistema vivo, conectándonos coa paisaxe galega a través de dúas fibras emblemáticas: o liño e o vimbio. Os participantes familiarizáronse co ciclo de vida do liño, así como no proceso de plantación e de extracción da fibra de vimbio, e crearon unha librería de mostras nunha busca de establecer un diálogo co material, creando pontes entre o tradicional e o contemporáneo.

Entrelazar
O taller Circula o territorio a través das mans complementa as Xornadas Entrelazar impulsadas pola Fundación Artesanía de Galicia durante esta fin de semana no Espazo Vilaseco dos Casares, en Mouricios, e centradas no oficio da cestería dende unha visión transversal e na relación entre o material, o territorio e a creación da artesanía contemporánea.
Trátase da terceira edición dunha iniciativa posta en marcha pola Xunta no ano 2023, en colaboración co Espacio Vilaseco e Os Casares, co obxectivo de contribuír á modernización e á innovación no sector artesanal galego tomando como base os oficios tradicionais, os recursos locais, os novos materiais e a contorna rural.
As xornadas están comisariadas pola deseñadora e investigadora téxtil Inés Sistiaga (Barcelona), recentemente premiada —xunto con Idoia Cuesta— nos Premios Room 2025 na categoría Artesanía / Art Design, polo seu proxecto Rastros de transformación. Están divididas en catro mesas de debate enfocadas en aspectos históricos, técnicos, teóricos e experimentais nas que se poderán explorar temas como a materia prima, os cultivos, a paisaxe e o territorio, así coma os modos nos que estes oficios se comparten e transforman ao longo do tempo para existir no contexto actual de transformación ecolóxica, social e produtiva.