A delegada territorial de Ferrol clausurou esta mañá na Casa Dopeso este itinerario formativo que contou cunha achega autonómica de 140.000 euros

Destacou que o 50% dos alumnos que completaron o programa accederon a un posto de traballo

É un dos tres PIE que o Goberno galego financiou o pasado curso na área territorial de Ferrol cun investimento conxunto de 580.000 euros

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na Casa Dopeso, nas Pontes, na entrega de diplomas do Programa Integrado de Emprego (PIE) promovido polos concellos das Pontes, As Somozas e A Capela e que contou cunha financiación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de 140.000 euros.

Nesta iniciativa formativa coa que o Goberno galego pretende mellorar as oportunidades laborais das persoas en situación de desemprego, tomaron parte 111 persoas que completaron a súa formación teórica con prácticas non laborais en empresas do municipio como a Xanela, Picariños SL o Severiano Agrocomercial SLU, entre outras.

A delegada territorial destacou o 50% de inserción laboral acadado polo PIE “superando con creces o obxectivo marcado ao inicio do programa situado nun 42%” e animou aos participantes a aproveitar a formación adquirida de cara a mellorar as súas oportunidades profesionais.

Aneiros lembrou que os programas integrados de emprego como o das Pontes contemplan actividades de orientación e asesoramento personalizado, formación, técnicas de motivación, desenvolvemento de habilidades sociolaborais ou obradoiros para preparación de entrevistas. Tamén se fomenta o contacto co tecido empresarial, a prospección de oportunidades e a posibilidade de prácticas profesionais non laborais. Cada proxecto conta cun equipo técnico especializado, cuxos custos salariais e de Seguridade Social son subvencionados. Así mesmo, cúbrense os gastos derivados de desprazamentos, materiais ou subcontratación de formación.

O PIE dos Concellos das Pontes, As Somozas e A Capela é un dos tres programas que o Goberno galego financiou o pasado curso na área territorial de Ferrol cun investimento conxunto de 580.000 euros.

Loading...