O secretario xeral da Emigración visitou na cidade olívica a floraría La Boheme, posta en marcha por unha emprendedora retornada desde Francia coa axuda da Xunta

Antonio Rodríguez Miranda lembrou que “as persoas retornadas poden recibir ata 10.000 euros de apoio para iniciar o seu negocio” e engadiu que, desde a súa activación en 2018, apoiáronse preto de 900 proxectos con máis de 5,4 M€

Destacou o papel fundamental de acompañamento ás familias retornadas que desenvolven as oficinas de retorno que, no caso de Vigo, leva preto de 6.000 persoas atendidas desde 2020

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe en Vigo a floraría La Boheme de Zoila Martínez Pacheco, unha galega retornada de 46 anos que, tras vivir durante unha década en Lyon (Francia), decidiu regresar á súa terra en outubro de 2024 e iniciar un proxecto empresarial coa axuda do programa Retorno Emprendedor da Xunta de Galicia. Concretamente, Zoila abriu as portas do seu establecemento o pasado xaneiro, tras recibir unha achega autonómica de 7.000 euros que lle permitiu facer fronte aos primeiros gastos para converter a súa paixón polo mundo das flores nun proxecto profesional.

Durante a visita, Miranda puxo en valor o labor de persoas como Zoila, que “apostan por Galicia como lugar para vivir, emprender e construír futuro” e destacou que “o seu caso representa á perfección o espírito da Estratexia Galicia Retorna: persoas con experiencia, iniciativa e raíces galegas que regresan para contribuír ao desenvolvemento económico e social do país”.

No que vai de 2025, xa se presentaron preto de 150 solicitudes de retornados procedentes de países como A Arxentina, Cuba, Venezuela, O Brasil, O Uruguai, Portugal, O Reino Unido, Alemaña ou Francia. Miranda lembrou que o prazo para solicitar estas axudas continúa aberto ata o 30 de setembro, no marco da aposta decidida da Xunta polo retorno como motor de cambio demográfico, económico e social. Engadiu que, desde a activación destas axudas en 2018, apoiáronse preto de 900 proxectos empresariais cun investimento superior aos 5,4 millóns de euros.

A visita do secretario xeral tamén serviu para reforzar a mensaxe de que Vigo é un exemplo destacado de integración e emprendemento, cunha rede activa de atención ás persoas retornadas a través de ferramentas como a Oficina de Retorno viguesa, que leva preto de 6.000 persoas atendidas desde 2020. Animou a todas as persoas que están en Galicia a que se dirixan a unha das oficinas de retorno para ser informadas e completar este trámite.

Loading...