As xornadas celebraranse o xoves 9 de outubro no Viveiro de Empresas Municipal de Cerceda, e o mércores 15 de outubro na Casa Dopeso das Pontes de García Rodríguez

A iniciativa, financiada polo Fondo Europeo de Transición Xusta, enmárcase no compromiso do Goberno galego co pulo ás novas oportunidades profesionais que xorden arredor das tecnoloxías verdes e a eficiencia enerxética

As persoas interesadas en asistir deben inscribirse a través da ligazón https://activaverde.gal/xornadas-presentacion

A Xunta de Galicia impulsará o vindeiro mes o proxecto ActivaVerde co obxectivo de favorecer a recualificación profesional e a empregabilidade das persoas afectadas polo peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes. Esta iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno galego co desenvolvemento dun mercado laboral máis sustentable e orientado ás novas oportunidades que xorden arredor das tecnoloxías verdes e a eficiencia enerxética.

As xornadas de presentación do programa celebraranse o xoves 9 de outubro, ás 17,30 h. no Viveiro de Empresas Municipal de Cerceda, e o mércores 15 de outubro, no mesmo horario, na Casa Dopeso das Pontes de García Rodríguez. Estes encontros contarán coa participación do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, do subdirector xeral de Relacións Laborais, Carlos Gómez, así como do secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, da secretaria xeral da Confederación de Empresarios da Coruña, Marina Graña, e de representantes dos sindicatos CCOO e UGT-FICA Galicia, quen presentarán as vantaxes de tomar parte no proxecto.

Con esta acción, a Xunta quere dar a coñecer técnicas e estratexias asociadas á busca activa de emprego no ámbito das tecnoloxías verdes e da eficiencia enerxética, co fin de mellorar o perfil profesional das persoas traballadoras afectadas polo peche das centrais e aumentar así as súas posibilidades de contratación.

O proxecto está dirixido a persoas residentes na provincia da Coruña que procedan de empresas afectadas, directa ou indirectamente, por este proceso. Para poder asistir á xornada é preciso inscribirse previamente en: https://activaverde.gal/xornadas-presentacion.

Financiamento europeo

ActivaVerde, impulsado pola Xunta de Galicia, está financiado polo Fondo Europeo de Transición Xusta, que busca apoiar aos territorios afectados polo proceso de transición á neutralidade climática.

 

Loading...