O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou hoxe o viveiro empresarial da Cámara de Comercio de Santiago para coñecer de primeira man os labores de promoción de emprendemento que realiza esta entidade. Unha función, subliñou Pablo Fernández, que concorda coa aposta do Goberno galego en prol dun emprendemento ligado ao territorio e que se materializa en ferramentas como a Rede de polos de emprendemento, que conta con 15 oficinas distribuídas por todo o territorio galego nas que se levan atendido máis de 4.700 proxectos.
Trátase de iniciativas, destacou, que reflicten o potencial do emprendemento na vertebración do territorio e na fixación da poboación e que levaron a Galicia a ser recoñecida co premio Rexión Emprendedora Europea 2025. Dentro desta aposta, o Goberno galego destina este ano 32 millóns de euros a reforzar o emprendemento. Neste sentido, busca impulsar sinerxías e a coordinación dos axentes do ecosistema emprendedor, contando co talento interno e tamén co potencial dos galegos e galegas do exterior que desexan retornar e desenvolver a súa idea de negocio en Galicia.
