A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe en Cambre no acto de clausura do obradoiro de emprego dual, ao que o Goberno galego concedeu preto de 442.000 euros, incluíndo incentivos á contratación

A través da fórmula conxunta de formación e traballo efectivo no seu municipio, as 20 persoas participantes formáronse e prestaron servizo nas modalidades de atención sociosanitaria e intervención socioeducativa en institucións sociais para persoas dependentes ou con discapacidade

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe no acto de clausura do obradoiro de emprego dual Proxedis Sociosanitario-educativo II, unha iniciativa desenvolvida polo concello de Cambre e que recibiu unha achega de case 442.000 euros por parte da Xunta de Galicia, incluíndo incentivos para promover a contratación en empresas da contorna. Nesa liña, Lado puxo de relevo a cualificación profesional que recibiron as 20 persoas participantes ao tempo que desenvolveron un traballo efectivo en actividades de utilidade pública ou interese social, subliñando ademais que os coidados constitúen un ámbito de especial relevancia e cunha demanda crecente de profesionais, o que contribuirá a incrementar as súas oportunidades laborais. Neste caso, formáronse e traballaron en beneficio do seu municipio nas modalidades de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e na de promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade, cos conseguintes beneficios de cara á súa empregabilidade.

Durante nove meses, o alumnado traballador da especialidade sociosanitaria prestou servizo en entidades como as residencias de maiores Padre Rubinos e Centro García Hermanos, así como en centros para persoas dependentes e no centro de día de Aspace A Coruña. Pola súa banda, o equipo que seguiu a formación en intervención socioeducativa colaborou con entidades de referencia como Aspronaga, Pai Menni, Aspanes ou Afaco, contribuíndo a reforzar programas de apoio a colectivos vulnerables.

Cómpre engadir que, dentro destes obradoiros duais, o Goberno galego subvenciona os gastos da posta en marcha e desenvolvemento do taller e dos custos de contratación tanto das persoas participantes, como do persoal directivo, docente e de apoio. De cara á selección de alumnos-traballadores, priorízase a atención ás persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas, emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional. Así mesmo, ponse o foco nos servizos sociais e comunitarios —como é o caso de Cambre—, na formación forestal ou na recuperación do patrimonio artístico, histórico cultural ou natural, entre outros.

Loading...